Tetris Effect chegará a vindeira semana para PC

A última e exitosa versión de Tetris para PlayStation 4 tamén verá a luz en computador. Farao en apenas sete días. Enhance Official vén de confirmar o lanzamento de Tetris Effect para a semana que vén.
Esta mutación do clásico ruso aterrou na consola de Sony e PSVR o pasado ano e derivou nunha incríbel experiencia para os usuarios. En PC contará con soporte para resolucións 4K e monitores ultrawide. Tamén aterrará coa posibilidade de desbloquear completamente o framerate se desactivamos a sincronización vertical.
A plataforma dixital elixida para o seu lanzamento é a Epic Store. Terá soporte de RV para Oculus Rift e HTC Vive, tamén. A data exacta da súa chegada sitúase o 23 de xullo e durante as dúas primeiras semanas desde a súa saída contará cun 20 % de desconto, ademais dunha parte da súa BSO como agasallo e uns protectores de pantalla.