Tetris Effect, exclusivo de Epic en PC, precisa Steam VR para a realidade virtual

Tetris Effect, até agora exclusivo da PlayStation 4, xa pode ser xogado no PC a través da Epic Games Store. Trátase da última exclusividade que adquire a empresa responsable de Fortnite, pero un dos seus requisitos sorprendeu moito á comunidade.
Para xogar no modo de realidade virtual é necesario dispoñer dunha unidade HTC Vive ou de Oculus Rift, no entanto, resulta que que hai outro elemento obrigatorio para poder gozar desta modalide, e é que necesitamos ter instalado Steam VR en calquera das dúas plataformas.
O dato non deixou indiferente a moitos xogadores, ao veren como unha tenda que aspira a lle quitar o trono de maior tenda dixital de videoxogos a Steam prcisa ter instalado un dos sistemas da competencia para correr correctamente unha obra exclusiva.
Ora ben, non é necesario executar Steam, e este asunto tampouco afecta aos que queiran xogar de xeito normal, co monitor habitual, malia que boa parte da graza de Tetris Effect pasa por poder gozalo nunha contorna de realidade virtual, onde o título brilla até límites insospeitados.
A nova revisión do mítico Tetris conta con soporte para 4K e non ten límite nos fps. É compatíbel con monitores ultra panorámicos e dispón de máis de 30 fases diferentes cuns efectos que producen auténtica sorpresa ao xogador, que ve como un clásico sempre pode resucitar ou ser rescatado da mellor maneira posible. Iso si, lembra que non ten multixogador.