The Ascent fixa a data da súa estrea para este 29 de xullo
Curve Digital e Neon Giant acaban de marcar no calendario o lanzamento de The Ascent, o RPG de acción con vista isométrica e ambientación ciberpunk que promete ser o xogo do ano con esta temática —chiscadela, chiscadela—. Todo aquel que estea apuntado no Xbox Game Pass está de sorte, pois si, estará desde o 29 de xullo dentro do catálogo de Microsoft, o día do lanzamento oficial.
Porén, nesa mesma data tamén poderá ser comprado en Steam. O vídeo que acompaña estas liñas non é novo, xa foi ensinado, e só inclúe como elemento novidoso o incluír unha data concreta ao final do adianto. Sexa como for, o xogo loce bastante interesante e belo, e a súa proposta poida que encandee a non poucos amantes da ciencia ficción e o rol entre neons.