Actualidade The Division 2 pesará 50 GB en Xbox One e 90 GB en PS4

The Division 2 pesará 50 GB en Xbox One e 90 GB en PS4

A información é oficial e está na propia páxina de soporte de The Division 2. O título que chegará a PC, Xbox One e PlayStation 4 terá un peso próximo aos 50 GB na consola de Microsoft pero case do dobre na de Sony. Por que? Non hai resposta ou razón que xustifique tal asunto na páxina de Ubisoft.

Este curioso dato é complementado pola chegada dun primeiro parche do día un, na mesma xornada de lanzamento. Segundo parece, arranxará algúns dos erros internos notificados á compañía francesa durante as diferentes betas realizadas ao longo dos últimos meses. As reparacións non acaban aí. Xa hai planeada unha segunda actualización, o parche 1.5, que ocupará outros 2 GB e que estará listo unha semana despois da aterraxe do xogo nas diferentes máquinas.

O novo proxecto de Ubisoft, segundo capítulo desta franquía, permitirá aos xogadores a súa descarga horas antes da estrea oficial, o próximo 15 de marzo, no caso das opcións dixitais. As versións físicas non estarán dispoñibles ao público até o mesmo día do lanzamento.

The Division 2 levará aos xogadores até a arrasada capital de Estados Unidos.

Carlos Pereiro
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *