Ubisoft elixe a Epic Games Store para The Division 2 e deixa de lado a Steam
Aínda que a aposta de Epic pola súa tenda dixital parecía ir en serio, faltaba algunha confirmación de peso que confirmase tal deriva. Chegou. A compañía asinou un acordo con Ubisoft para publicar The Division 2. O novo capítulo da saga non sairá en Steam.
O xogo do estudo francés non poderá adquirirse na plataforma de Valve, coma si puido facerse coa entrega anterior e moitos outros títulos da compañía. Iso si, o xogo requirirá dunha conta Uplay para poder ser xogado.
A cousa non remata aquí. Segundo parece, os futuros xogos de Ubisoft tamén se situarán dentro da nova tenda de Epic, xa que ambas compañías acordaron a incorporación de “títulos adicionais selectos”. É máis que probable que a decisión de optar por este camiño pase irremediablemente pola suculenta repartición de beneficios que ofrecen os donos de Fornite: até un 88 % dos ingresos xerados acaban nas arcas dos seus creadores.
Dende hoxe, os usuarios de PC poden reservar The Division 2 na Epic Games Store (até agora só podían facelo na plataforma Uplay). Ofértanse tres modelos de compra diferentes:
- EDICIÓN ESTÁNDAR (59,99 €)
En Tom Clancy’s The Division® 2, o destino do mundo libre está en xogo. Dirixe un equipo de axentes de elite nos restos de Washington DC tras unha pandemia, restablece a orde e impide o seu colapso.
- EDICIÓN DE OURO (99,99 €)
Mellora aínda máis a experiencia coa edición de ouro de Tom Clancy’s The Division® 2, que inclúe o pase do Ano 1 e consegue ata un máximo de 3 días de acceso anticipado ao xogo.
- EDICIÓN DEFINITIVA (109,99 €)
Goza da experiencia completa coa edición definitiva de Tom Clancy’ s The Division® 2. A edición definitiva inclúe contido dixital adicional, o pase do Ano 1 e consegue ata un máximo de 3 días de acceso anticipado ao xogo.
O xogo ten programado o seu lanzamento o 15 de marzo tamén para Xbox One e PlayStation 4.