The Game Awards 2019 :: Sekiro pon na cabeza a coroa dos GOTY
Xa van dous anos nos que os Game Awards sorprenden. Ou, máis ben, non se deixan guiar pola pura opinión mediática. Se o ano pasado tiña de gañar Red Dead Redemption 2, God of War erixiuse como o triunfador. Se este ano debía triunfar Death Stranding, Sekiro tira de técnica de shinobi e apareceu de súpeto no escenario. Ninguén protesta. Ninguén dúbida. Igual que na pasada edición, ninguén pode dicir que o gañador non mereza ser coroado.
Dalgún xeito, que Sekiro: Shadows Die Twice colgue o galardón máis importante da noite antóllase como un forte abrazo a Miyazaki, o home que revolucionou unha industria do videoxogo que copiou, e copia, o seu modelo de acción e aventura —categoría na que tamén gañou— até a saciedade e máis aló. É a última obra de FromSoftware unha oda ao medio, á esixencia e ao xogador.
Alén disto, a cerimonia organizada e conducida por Geoff Keighley segue adoecendo dunha serie de problemas variados: unha duración maratoniana, un desequilibrio total na presentación dos premios, actuacións que non encaixan todo o ben que deberían e unha dependencia absoluta para manter a atención do espectador a través dos anuncios de títulos. Porén, é evidente que os Game Awards son unha cita que xera interese, bulicio nas redes sociais. A súa importancia pode ser simbólica e representar só a punta do iceberg da industria, pero todo o mundo quere estrelarse no Titanic contra ela.
Disco Elysium foi un dos gañadores singulares. Con catro galardoes na súa conta, colócase como un indispensábel e unha conta pendente, de seguro, para moitos xogadores. Death Stranding, finalmente, logrou que Kojima collese o premio de mellor director, pero tamén se fixo co de mellor actuación para Mads Mikkelsen e o de mellor banda sonora.
O resto? Pouca sorpresa. GRIS, produción barcelonesa, puxo o broche de ouro a un ano espléndido, onde rompeu todas as barreiras e teitos posibles. League of Legends marcou territorio nos deportes electrónicos, Devil May Cry 5 gañou o seu oco no Olimpo e Control conseguiu dar a sorpresa como mellor contido artístico.
A continuación, tes a listaxe completa de gañadores:
- Xogo do ano – Sekiro: Shadows Dice Twice
- Mellor xogo de acción e aventura – Sekiro: Shadows Dice Twice
- Mellor dirección – Death Stranding
- Estudio indie revelación – ZA/Um por Disco Elysium
- Mellor indie – Disco Elysium
- Xogo do ano para os xogadores – Fire Emblem: Three Houses
- Mellor actuación – Mads Mikkelsen (Death Stranding)
- Mellor xogo VR/AR – Beat Saber
- Deporte electrónico do ano – League of Legends
- Mellor xogo vivo – Fortnite
- Mellor xogo multixogador – Apex Legends
- Mellor xogo de móbil – Call of Duty Mobile
- Mellor xogo deportivo/carreiras – Crash Team Racing: Nitro-Fueled
- Mellor xogo familiar – Luigi’s Mansion 3
- Mellor xogo con impacto – GRIS
- Mellor xogo de acción – Devil May Cry 5
- Mellor dirección artística – Control
- Mellor xogo de estratexia – Fire Emblem: Three Houses
- Mellor deseño de son – Call of Duty: Modern Warfare
- Mellor RPG – Disco Elysium
- Mellor narrativa – Disco Elysium
- Mellor título de loita – Super Smash Bros. Ultimate
- Mellor banda sonora – Ludvig Forsell (Death Stranding)
- Mellor apoio á comunidade – Destiny 2
- Mellor adestrador de esports – Zonic
- Mellor evento de esports – League of Legends World Championship 2019
- Mellor presentador/a de esports – Sjokz
- Mellor equipo de esports – G2 eSports
- Mellor xogador/a de esports – Bugha
- Creador de contido do ano – Shroud
[…] que corrían polas redes, a miña falta de sono e escepticismo fixéronme esperar o peor. Os Game Awards, a crème da crème dos videoxogos reunida nunha cerimonia para celebrar o traballo e o esforzo da […]