
The Game Awards 2020 :: Resumo e principais gañadores
The Game Awards é un evento importante dentro da industria do videoxogo. Poderá este asunto gustar máis ou menos, poderá ser interpretada como unha opinión subxectiva, pero os números avalan a definición: atención mediática, seguimento en redes, milleiros de retransmisións simultáneas… A cita creada polo xornalista Geoff Keighley elevouse case como un novo E3, como un lugar no que se un non está, sentirá a idea de estar a perder algo importante. Premios? De xeito secundario si, porque se algo son os Game Awards son un escaparate de promesas e futuras producións. O formato xa está elixido, elaborado e avalado.
Así, os premios son xa unha escusa para ler as palabras, unha e outra vez, de World Premiere. E está ben. Que ninguén se engane. A noite destes galardóns é un entretemento máis, que fomenta o debate, a creación de opinión e, no fondo, unha pequena festa na que si se podería falar dun resumo bastante válido de todo o que vivimos ao longo do ano en forma de novos videoxogos —ou que pasaron a ser coñecidos no 2020—.
Un nome de seu elévase sobre o resto. The Last of Us: Parte II cumpriu coas expectativas e o seu recoñecemento como GOTY está lonxe de ser unha sorpresa. Foi un dos xogos do ano, é un dos xogos da xeración e por mor diso, amais do máximo premio, tamén se impuxo noutras seis categorías, como mellor narrativa, mellor deseño sonoro ou mellor innovación en accesibilidade. Quizais por irónico, quizais porque a industria aínda precisa pensar máis sobre certos asuntos, sorprende o premio a mellor dirección nunha obra que recoñeceu ter casos de crunch. Non o pon na capa da caixa de The Last of Us: Parte II, pero non debe ser esquecido o prezo humano de pirámides artísticas semellantes.
E o resto de premios? Podería haber algunha sorpresa no nome, si, pero paga a pena lembrar a tendencia de repartiren o pastel que se percibe nos Game Awards. Se un está nomeado en varias categorías, moi mala ten que ser a noite para non acabar cun anaco da torta. Por iso Ghost of Tsushima, Final Fantasy VII Remake, Hades, Amog Us, Half-Life: Alyx ou AC: New Horizons tamén recibiron un metal. Por que non.
A continuación podes ver unha lista cos principais premios da noite. Os adiantos e presentacións de novos títulos irán por separado en vindeiros artigos ao longo da mañá do venres 11:
Mellor lanzamiento del año (GOTY)
- The Last of Us Part II
Mellor dirección
- The Last of Us Part II
Mellor narrativa
- The Last of Us Part II
Mellor dirección de arte
- Ghost of Tsushima
Mellor deseño sonoro
- The Last of Us Part II
Mellor banda sonora/apartado musical
- Final Fantasy VII Remake
Mellor interpretación
- Laura Bailey (Abby), The Last of Us Part II
Premio Game for Impact —Xogos que invitan á reflexión—
- Tell Me Why
Mellor xogo en constante evolución
- No Man’s Sky
Mellor videoxogo indie
- Hades
Mellor videoxogo para móbiles
- Among Us
Mellor soporte de comunidade
- Fall Guys: Ultimate Knockout
Mellor videoxoego para dispositivos VR/AR
- Half-Life: Alyx
Innovación en accesibilidade
- The Last Of Us Part II
Mellor videoxgo de acción
- Hades
Mellor videoxogo de acción/aventura
- The Last Of Us Part II
Mellor videoxogo de rol
- Final Fantasy VII Remake
Mellor videoxogo de loita
- Mortal Kombat 11 Ultimate
Mellor videojuego familiar
- Animal Crossing: New Horizons
Mellor videoxogo de simulación/estratexia
- Microsoft Flight Simulator
Mellor videoxogo de deportes/carreiras
- Tony Hawk’s Pro Skater 1+2
Mellor multixogador
- Among Us
Mellor creador de contidos
- Valkyrae
Mellor videoxogo debutante (dun novo estudio indie)
- Phasmophobia