The Game Awards 2021 :: Premiados (e non)

A gala dos Game Awards volveu ser un foco de atención mediática para boa parte da comunidade dos videoxogadores e videoxogadoras do mundo. Unha cita convertida xa en tradición, masiva polas cifras que amosa, mais que mantén unha tendencia clara de espectáculo puro, de escaparate, e non tanto de tentar ser ese grande evento que represente ao videoxogo como tal e dun xeito total.
Sexa como for, a gala deixou anuncios de interese, galardóns discutidos e centos de miles de comentarios. «O de sempre», dirán algúns. En parte si. Semella que o formato deste evento non precisa de mudanzas para lograr iso que os seus responsábeis desexan: ser durante uhas horas os protagonistas máximos da industria.
It Takes Two é o mellor xogo do ano segundo as votacións. O título que só pode ser xogado en parella é obra de Josef Ares, un deses tipos que segue o seu camiño, polo que cómpre estarmos agradecidos. Non hai demasiada polémica aquí, como si a puido haber con Marvel’s Guardian of the Galaxy, que levou o de mellor narrativa superando a Psychonauts 2 —que non levou nin un só premio— ou Life is Strange: True Colors.
Tampouco Inscryption logrou recibir algún dos premios nos que estaba nomeado, feito que provoca certa mágoa, ao aparecer, sen demasiada dúbida, dentro de calquera listaxe de interese sobre os xogos máis curiosos deste ano. O resto de cousas, un pouco o agardado… Forza Horizon 5 triunfou na súa categoría e tamén varios premios técnicos. Kena: Bridge of Spirits levou o galardón de mellor xogo independente e mellor debut indie; namentres Deathloop, que tiña unha chea de posibilidades abertas, rematou por levar só o de dirección e dirección de arte. Iso si, Metroid Dread, de MercurySteam, levbou o premio de mellor título de acción e aventuras.
Estes son os gañadores:
- Xogo do Ano: It Takes Two
- Mellor Dirección: Deathloop
- Mellor Indie: Kena: Bridge of Spirits
- Mellor Debut Indie: Kena: Bridge of Spirits
- Mellor Narrativa: Marvel’s Guardians of the Galaxy
- Mellor Dirección de Arte: Deathloop
- Mellor Banda Sonora: NieR Replicant ver.1.22474487139
- Mellor Deseño de Son: Forza Horizon 5
- Mellor Interpretación: Maggie Robertson como Lady Dimitrescu, Resident Evil Village
- Xogos de Impacto: Life is Strange: True Colors
- Mellor Soporte de Comunidade: Final Fantasy XIV Online
- Mellor Xogo en Móbiles: Genshin Impact
- Mellor Xogo en Realidade Virtual: Resident Evil 4
- Mellor Xogo de Acción: Returnal
- Mellor Xogo de Acción/Aventura: Metroid Dread
- Mellor Xogo de Rol: Tales of Arise
- Mellor Xogo de Loita: Gilty Gear -Strive-
- Mellor Xogo Familiar: It Takes Two
- Mellor Xogo Deportivo ou de Condución: Forza Horizon 5
- Mellor Xogo Simulador ou de Estratexia: Age of Empires IV
- Mellor Multixogador: It Takes Two
- Xogo Máis Esperado: Elden Ring
- Innovación en Accesibilidade: Forza Horizon 5
- Player’s Choice: Halo Infinite