Reportaxes The Game Awards :: Resumo para dummies

The Game Awards :: Resumo para dummies

Esta madrugada de venres, 9 de decembro, comunidade e industria de videoxogo danzaron xuntos nesa maratoniana gala que son os Game Awards, só apta para xornalistas de videoxogos que deben cubrila, persoas que non traballan ao día seguinte —ou si pero non lles penaliza durmir no seu posto— ou xente que padece algún tipo de insomnio. Non es ningún destes grupos? Non hai problema, velaquí queda un resumiño do que foi anunciado, o que foi premiado e o que foi programado para saír nalgún intre dos vindeiros meses.

A gala, creada e dirixida por Geoff Keighley, xa é unha cita curiosa e oficializada. Non leva tanto, realmente, pero semella que o seu crecemento vai da man da xa total asentamento das retransmisión en liña entre todas as franxas de idade e da ausencia do E3 como grande evento onde saber que traerá o futuro dos videoxogos.

Na práctica non deixa de ser un escaparate disfrazado de acontecemento, que carecería do máis mínimo interese se só entregase uns galardóns a unha serie de títulos englobados dentro do máis coñecido e vendido da industria —salvando excepcións simbólicas—. Así, a continuación poderás repasar algunhas desas claves que deixou esta cita.

Galardóns

A listaxe é grande, mais tamén son poucos os premios que realmente entran no debate popular ou da Rede. Elden Ring, a última obra de Miyazaki, levou o premio a Mellor Xogo do Ano, o chamado GOTY. Competía duramente con God of War Ragnarök, pero un Souls de mundo aberto, pese a non ser perfecto, é moito xogo de Deus. Así foi e así se celebrou. Tamén levou galardón nas categorías de Mellor Dirección, Mellor Dirección de Arte e Mellor Xogo de Rol.

O título de Cory Barlog logrou meter algún que outro trofeo na vitrina das oficinas de Santa Monica Studios: Mellor Narrativa, Mellor Banda Sonora, Mellor Deseño de Audio, Mellor Xogo de Acción/Aventura, Innovación en Accesibilidade e Mellor Actuación para Christopher Judge, o actor que interpreta a Kratos.

O resto podes consultalo na seguinte listaxe, na que non houbo demasiadas sorpresas e que acabou con The Legend of Zelda: Tears of the Kingdom como videoxogo máis agardado.

Anuncios

A nova máis evidente e notable foi, sen dúbida, a confirmación do desenvolvemento de Death Stranding 2. Así é, Hideo Kojima decidiu continuar a historia comezada no ano 2019 —polo menos lanzada— e teremos unha sequela desta obra que tanto chamou a atención no momento pola súa proposta de camiñar, camiñar, camiñar, pelexar un pouco e non moi ben, e camiñar de novo. Finalizan así os rumores sobre que xogo estaría a idear o creador xaponés e, se ben temos unha aposta interesante sobre a mesa, quedamos sen ese xogo de terror que algún día prestaría ver da man do director.

Teremos tamén, o 19 de abril, a expansión de Horizon: Forbidden West baixo o nome Burning Shores. Este novo contido levará a Aloy até novos espazos, entre eles Hollywood, en Los Ángeles, como amosa a arte principal. Iso si, semella que só chegará a PS5. A anterior xeración queda, polo momento, sen esta posibilidade.

Teremos tamén xogo novo de FromSoftware. Armored Core VI é a continuación da súa serie de mechas. Non hai imaxes, só un teaser que anticipa como será o seu mundo. Non dirixe Miyazaki, que si iniciou o proxecto; senón que leva a batuta Masura Yamamura, lead designer de Sekiro.

Tamén teremos sequela de Hades. Boa nova, desde logo. Hades 2 semella que será un título moi semellante ao primeiro, o que non ten nada de malo tendo en conta o éxito e o impresionante gameplay que logrou deseñar Supergiant. O ano que vén terémolo xa dispoñíbel… en acceso anticipado, tal e como sucedeu coa primeira entrega. Só en Steam, polo momento.

E se seguimos coas continuacións, dous títulos que amosaron novo material. Dunha banda, Earthblade, o novo xogo dos creadores de Celeste. Doutra banda, máis imaxes de Star Wars Jedi: Survivor. O primeiro xogo chegará no 2024, pero o segundo fará o propio nuns meses, o 17 de marzo.

E que máis? Podemos falar de datas. Diablo IV sairá o 6 de xuño, Street Fighter VI uns días antes, o 2 de xuño; Bayonetta Origins: Cereza and the Lost Demon, o 17 de marzo; e The Last of Us Parte 1 para PC, o 3 de marzo. Ah! E se xa vías que xuño estaba cargado, engádelle o Final Fantasy XVI. Cando? 22 de xuño.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.