Actualidade The Initiative rompe o silencio e presenta Perfect Dark, exclusivo de Microsoft

The Initiative rompe o silencio e presenta Perfect Dark, exclusivo de Microsoft

Xbox e Microsoft avisaron con antelación que terían algunha que outra sorpresa preparada para The Game Awards, por iso era posible agardar algo grande, algo sorprendente. Perfect Dark encaixa á perfección nesa definición. The Initiative, o enorme estudo first-party de Microsoft formado por un bo número de veteranos da industria, decidiu retomar a historia de Perfect Dark Zero, título de Xbox 360, quince anos despois, aínda que a saga nace nos tempos de Nintendo 64, con Rare ao mando.

A través dun tráiler cinemático, sen contido in-game, o estudio presenta o seu ambicioso proxecto en público, incluíndo entrevistas e diversas pistas sobre como será o mundo que están a crear. En principio, parece que se situará como un título en terceira persoa, cunha enorme interacción coa contorna e as súas xentes.

O vídeo mostra un mundo futurista e caótico, coas grandes corporacións dominando o planeta. De costas, ao final, aparece Joanna Dark coa súa carismática aparencia e o seu pelo vermello. Cando chegará? Non hai data, claro, malia que si sabemos que será para PC e Xbox.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.