Actualidade The International, o torneo anual de Dota 2, posponse até novo aviso

The International, o torneo anual de Dota 2, posponse até novo aviso

Non poderá ser este verán. The International 10, o campionato máis grande de Dota 2 e o torneo dun deporte electrónico que máis cartos en metálico reparte, atrásase ata novo aviso. Valve confirmou que o evento que estaba programado para ser realizado entre o 20 e o 25 de agosto en Estocolmo terá que buscar outra data. Cando? Non hai unha resposta clara.

«Estivemos explorando posibles datas, pero é probable que o evento teña lugar no 2021», explícase no anuncio oficial. «Polo momento, estamos a traballar na reestruturación da tempada de DPC para o outono e proporcionaremos máis información tan pronto como a teñamos».

Epic tamén cancela a Fortnite World Cup 2020

Pola súa banda, a compañía detrás do battle royale máis famoso do mundo tamén decidiu suspender a celebración da Fortnite World Cup deste ano. Detrás das dúas decisións atópase, como non, a pandemia global do coronavirus e a imposibilidade de celebrar eventos con todas as garantías de seguridade precisas para evitar contaxios masivos. A idea de Epic é celebrar eventos en liña máis pequenos.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.