The International 2019 busca romper o seu teito millonario
Tres días precisou Valve para conseguir recadar 10 millóns de dólares para os diferentes premios que serán repartidos durante o seu torneo máis importante do ano de Dota 2, The International. En menos de 24 horas dende que se lanzou o Pase de Batalla (de funcionamento similar ao dun pase de tempada en Fortnite), acadouse a cifra dos 5 millóns de dólares de maneira case automática, rompendo calquera récord dentro da historia do MOBA.
As cifras que manexa Dota 2 en premios adoitan ser absurdas. O ano pasado repartiu máis de 25 millóns de dólares en premios. A idea é que este ano se poida chega aos 30 millóns. Polo momento, o obxectivo vai ben encamiñado; o certo é que xa case recadou tanto como toda a International 4 no seu día.
Valve destina un 25 % do custo do Pase de Batalla (e da compra de niveis a maiores) ao fondo do premio. É dicir, no caso de que acade a cifra dos trinta millóns, en realidade a comunidade desembolsaría a astronómica cifra de 120 millóns de dólares en Dota 2 en apenas tres meses. Por suposto, será a maior repartición de diñeiro en metálico da historia dos deportes electrónicos, algo que o MOBA exclusivo Steam repetiu con autoridade ao longo dos últimos anos.
The International 2019 celebrarase entre os días 20 e 25 de agosto en Shanghái. Alí competirán os mellores equipos do mundo por levantar o Aegis, o símbolo dos campións do mundo de Dota 2.