Actualidade The Last Autumn, o prometedor DLC para Frostpunk, amósase nun longo adianto

The Last Autumn, o prometedor DLC para Frostpunk, amósase nun longo adianto

Doce minutos. Un adianto suculento e longo de como será a nova expansión de Frostpunk, o título de xestión e supervivencia de 11 bit studios.

The Last Autumn funciona como unha precuela do exitoso e encomiado xogo, tendo lugar antes das grandes xeadas que vivimos e vemos na obra orixinal. No vídeo publicado pola compañía responsable do seu desenvolvemento, Jakub Stokalski, director do proxecto, explica os detalles máis importantes deste engadido, que irá moito máis alá dun aumento da historia, procurando novas mecánicas, aparencias, recursos, leis, etc.

O obxectivo nesta expansión é o construír o famoso xerador de calor, base fundamental do noso futuro fogar. O clima agora será máis agradable, si, pero a carreira contra o reloxo é implacábel se queremos sobrevivir antes da chegada do frío glacial.

11 bit studios promete unha experiencia nada doada, que porá en tensión mesmo a xogadores veteranos. A súa chegada está prevista nuns poucos días, o 21 de xaneiro, tanto para como PC como para Xbox One e PlayStation 4.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.