The Last of Us 2 protagonizará o vindeiro State of Play
Sony quere ensinar ao mundo novidades e ofrecer titulares. A compañía xaponesa programou un novo State of Play para o próximo 24 de setembro, ás 22 horas. Durará preto de vinte minutos.
O principal atractivo desta retransmisión materialízase na idea de coñecer máis datos sobre The Last of Us 2, continuación dunha das aventuras máis importantes da pasada xeración de consolas, que por fin ofrecerá novas imaxes e detalles.
Naughty Dog, responsábeis do videoxogo, confirmaron a súa presenza no State of Play a través dun breve pero revelador chío, citando unha das frases pronunciadas por Ellie nun adianto anterior.
Doutra banda, o estudio tamén convidou nestes últimos días a diversos medios internacionais a un evento que realizará en California a vindeira semana, polo que os rumores sobre a confirmación dunha posíbel data de lanzamento, amais dunha boa mostra de gameplay, disparáronse.
"I'm gonna find…and I'm gonna kill…every last one of them." pic.twitter.com/vO0cC6dGkO
— Naughty Dog (@Naughty_Dog) September 20, 2019