Actualidade The Last of Us Part II sofre unha filtración masiva sobre a súa trama e gameplay

The Last of Us Part II sofre unha filtración masiva sobre a súa trama e gameplay

Hai apenas unhas semanas, Naughty Dog viuse na obriga de adiar The Last of Us Part II de forma indefinida por culpa da crise sanitaria da CO-VID19. Sen data de lanzamento concreta para o título, o estudio enfronta agora outro problema de gravidade, como é a filtración masiva de contido sobre a trama do xogo exclusivo de PS4. Foi en Reddit onde se orixinou esta filtración, xa que un usuario publicou gran cantidade de gifs e vídeos de baixa calidade, os cales revelan cinemáticas e gameplay con importantes revelacións sobre o argumento.

Como adoita ser habitual nestes casos, o equipo de Operacións Legais de Reddit eliminou a mensaxe orixinal alegando «unha demanda de copyright dun terceiro». Sen nomear a fonte da reclamación é razoábel pensar que PlayStation ou Sony quixeron poñer freo a este río de información canto antes. Porén, o mesmo usuario creou un novo fío de mensaxes co mesmo contido que aínda non se eliminou.

Non foi a primeira vez que The Last of Us Part II sofre filtracións, xa que a mediados de abril tamén circularon polas redes varios vídeos e detalles sobre o xogo. Algúns medios especularon coa posibilidade de que un exmembro de Naughty Dog fose o responsábel, xa que se pode comprobar que o contido filtrado provén dunha build para os desenvolvedores.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.

Comentarios non permitidos
  1. […] de cal e outra de area. Após a masiva filtración de información sobre The Last of Us Part II, PlayStation vén de anunciar a nova data de […]