Actualidade The Outer Worlds actualízase en Switch para mellorar os seus gráficos

The Outer Worlds actualízase en Switch para mellorar os seus gráficos

É certo que Nintendo Switch foi recibindo un bo número de xogos que parecían imposibles de adaptar á súa potencia e formato —DOOM, The Witcher 3: Wild hunt…— con enorme éxito, malia que tamén aparceu en certas ocasións a outra cara da moeda: ports ou versións que non estiveron á altura. É o caso de The Outer Worlds, que viu sacrificado o seu apartado gráfico na súa chegada á consola híbrida, provocando diversos comentarios negativos.

Os responsables desta versión xa avisaron que tentarían solucionar o asunto cun parche, actualización que nuns días verá a luz: o 21 de outubro. «O consello de administración está entusiasmado de poder anunciar que os empregados poden esperar un parche para o seu dispositivo o vindeiro 21 de outubro», reza o chío oficial. «Estamos a recrutar a novos empregados para unirse a nós na colonia Halcyon, así que prepárate para aproveitar unha rebaixa en Switch o 22 de outubro».

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.