Actualidade The Pokémon Company, en guerra contra os que filtraron datos de Espada e Escudo

The Pokémon Company, en guerra contra os que filtraron datos de Espada e Escudo

Ningunha empresa quere que as informacións relacionadas cun gran lanzamento campen pola Rede. The Pokémon Company non é a excepción. A empresa xaponesa reclama responsabilidades e iniciou unha investigación que podería levar a xuízo os usuarios que compartiron información exclusiva dos novos títulos de Pokémon, Espada e Escudo.

Segundo Forbes, os donos da franquía estarían a buscar entre Discord e 4 chan aos usuarios dunha filtracións que xurdiron da guía oficial, a Pokémon Sword and Shield: The Official Galar Region Strategy Guide, á que algunhas persoas tiñan acceso. Por suposto, as imaxes sacadas desta publicación volvéronse imposíbeis de controlar unha vez publicadas na internet.

A propia compañía recoñece que os empregados que tiveron acceso a esta guía víronse na obriga de asinar acordos de confidencialidade, amais de deixar os seus móbiles e cámaras en zonas protexidas. As medidas non foron suficientes e agora indican que entre o 1 e o 2 de novembro, nunha xanela de 15 horas, foi cando se produciu o roubo ou a copia das imaxes grazas a un teléfono móbil. A investigación continúa aberta.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.