The Stir of Dawn chegará con novo contido a Blasphemous de balde en agosto
Blasphemous converteuse no gran título do estudio sevillano de The Game Kitchen, colleitando un enorme éxito a nivel mundial. Foron os seus creadores os que anunciaron esta semana que o xogo recibirá un DLC totalmente de balde. The Stir of Dawn é o nome deste novo contido, que incluirá un modo New Game +, permitindo comezar unha nova partida con todas as melloras adquiridas, mais cun aumento de dificultade.
Alén do xa sinalado, o sistema de Penitencias permitirá utilizar tres cambios permanentes na partida, podendo modificar as normas totalmente. O mapa tamén se redeseñou, un novo NPC espéranos con melloras, o equilibrio dos obxectos foi balanceado e introduciuse a dobraxe ao castelán. The Stir of Dawn chegará gratis o 4 de agosto a PS4, Xbox One, Nintendo Switch e PC.