The Waylanders aterrará en Steam en menos dunha semana
O ambicioso RPG galego The Waylanders está a piques de ver a luz en PC. Non, non é a versión definitiva, a este título celta aínda lle queda moito camiño por diante e varias actualizacións, pero por fin o gran público poderá ir entrando no seu universo. A obra de Gato Studio chegará en acceso anticipado a Steam este 16 de xuño.
Os mecenas que achegasen a recompensas de 50 dólares ou máis terán acceso ao xogo o día de lanzamento do early access, malia que se trate dunha versión anterior á Beta. Se es un deles, recibirás unha clave a través de BackerKit e poderás activala en Steam. Se non sabes como activar a túa clave en Steam, podes ler os pasos aquí.
Versión v0.12
O estudio coruñés tamén lanzará unha actualización na que se inclúen opcións de sensibilidade para o rato ou o investimento do eixo da cámara, corrección de bugs diversos e unha optimización do uso da CPU, entre outros detalles. Son melloras que chegan despois do lanzamento da alpha pechada que leva dúas semanas funcionando e que trouxo consigo un primeiro contacto para un reducido grupo de xogadores.
Na Revista Morcego estivemos probando The Waylanders e as primeiras impresións son bastante positivas, alén do evidente recordatorio de que é unha alpha, polo que aínda queda moito traballo e moito contido a incluír nas versións que irán chegando. Poderíase definir como un título de aroma e xogabilidade clásica, cun apartado gráfico moi acertado e un potencial que se irá puíndo ao longo dos vindeiros meses. Polo momento, o título só está en inglés.