The Waylanders atrasa a súa estrea pero presenta unha nova actualización

The Waylanders atrasa a súa estrea pero presenta unha nova actualización

Finalmente, The Waylanders non verá a luz este verán. O título coruñés atrasa a súa data de saída uns meses e fixa unha nova fiestra de lanzamento para outono. «O desenvolvemento durante esta época de Covid foi un reto duro e algo que experimentamos en moitas desenvolvedoras indie durante o pasado ano», explica un dos responsables de Gato Studio, Fernando Prieto. «Tivemos que reorganizar moitos dos nosos procesos e cambiar a forma na que traballamos con provedores externos, por exemplo cos actores de dobraxe. Superamos moitos destes desafíos e confiamos en que os xogadores poidan gozar da versión final de The Waylanders este outono».

Porén, tamén hai boas novas.  A compañía acaba de lanzar unha nova actualización para o seu RPG, que se atopa en Acceso Anticipado en Steam, e que engadirá aspectos cruciais como a compatibilidade total co mando, a selección de dificultade, melloras de combate e interface, así como un sistema de ‘barks’ (frases de NPC que lle engaden riqueza e ambientación ao xogo), xunto con melloras na iluminación de escenarios e cinemáticas. Estará dispoñible tanto en Steam como en GOG.

O estudio tamén compartiu unha imaxe co seu traxecto de desenvolvemento actualizado, mostrando as actualizacións de balde que os xogadores poderán gozar ao longo deste verán:

Amais de melloras de gameplay e corrección de bugs, o xogo recibirá novos contidos, algúns moi demandados pola comunidade, ao longo deste verán: novas mascotas para a clase Explorador, un titorial ampliado e o sistema de romances. A ver que tal se nos dá iso de ligar neste mundo celta.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.