Actualidade The Waylanders atrasa o seu lanzamento até febreiro do ano que vén

The Waylanders atrasa o seu lanzamento até febreiro do ano que vén

Seguindo o camiño de moitos outros estudios no mundo, Gato Studio acaba de anunciar a modificación da data prevista para a estrea da súa nova obra. The Waylanders non chegará até o ano que vén, concretamente o 2 de febreiro de 2022, intre no que poderemos ver e xogar a súa proposta de forma oficial e pública —podes percorrer xa parte do seu mundo no early access que ten activo—.

«Lanzar The Waylanders este mes non proporcionaría a experiencia de calidade que os nosos fans merecen. Malia traballar duro para que os nosos mecenas e os nosos xogadores do Early Access recibisen o RPG que esperaban antes das vacacións do Nadal, realizamos unha análise interna e concluímos que o noso equipo precisa un pouco máis de tempo para puír o xogo», explica Fernando Prieto, cofundador de Gato Studio. «Desenvolver o xogo durante a época de Covid foi desafiante para moitos estudios, incluído o noso, e lanzar The Waylanders de xeito apresurado despois de 4 anos de desenvolvemento non agradaría a ninguén. The Waylanders terá máis de 2 horas de cinemáticas e máis de 30 horas de xogo, e queremos proporcionar a mellor versión posible do xogo á nosa comunidade».

Emporiso, o estudio promete facer máis amena a espera ao incluír algúns cambios na versión actual do título dispoñible en Steam e GOG, mellorando varias áreas do xogo, como a Cova da Eternidade ou o Mundo Fomore. Ademais, a nova actualización tamén engadirá a tradución e localización de texto restante para varias misións da Era Celta e corrixirá diversos bugs detectados pola comunidade de xogadores.

Así as cousas, toca esperar un pouco máis para versión a versión definitiva da obra coruñesa. Polo momento, un pequeno aperitivo en forma de vídeo:

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.