Actualidade The Waylanders estreará diversas melloras e engadidos antes de que remate o 2020

The Waylanders estreará diversas melloras e engadidos antes de que remate o 2020

Desde Gato Studio anuncian que The Waylanders, o ambicioso RPG que segue medrando desde A Coruña, recibirá dúas novas actualizacións antes de que finalice o ano. O obxectivo non é outro que mellorar o rendemento xeral do xogo, engadir máis opcións para os xogadores e, en xeral, ir ampliando a experiencia que ofrece o seu acceso anticipado.

Amais de incluír un Modo Foto, característica cada vez máis común na industria, serán engadidas dúas novas misións: The Corrupted Coven e The Agate Eye. Con elas poderemos visitar as covas do Mundo Subterráneo na que será a fin do Acto 1 do xogo. Alén destas novas misións, esta actualización tamén contén un titorial de combate, melloras de interface e correccións de bugs detectados.

Os plans que ten o estudio preparados para o inverno que chega inclúen tres actualizacións programadas entre decembro de 2020 e xaneiro de 2021, nas que veremos melloras notables na experiencia de combate, contidos suxeridos pola comunidade e novas linguas como castelán, galego, francés, alemán, chinés e ruso.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.