The Waylanders, o RPG galego, arranca a súa campaña de financiamento

The Waylanders, o RPG galego, arranca a súa campaña de financiamento

Dun tempo a esta parte, The Waylanders estase transformando en algo máis que un videoxogo. A súa creación pasa por ser un dos procesos dixitais máis ambiciosos feitos nunca en Galicia e en España. Unha auténtica aventura cara a posibilidade de ir máis aló de ser o título dun estudio independente e evolucionar en algo moito máis grande. Nun exemplo no que mirarse. Un traballo en equipo que producirá un RPG ás beiras da denominación dobre A.

Detrás de todo este proceso está Gato Salvaje Studio, a empresa coruñesa que botou a andar no 2010 cun pequeno equipo que non chegaba a dez persoas e que hoxe ten a nada menos que corenta empregados dando forma a The Waylanders. No 2014 sacaron o seu primeiro título, AR-K, unha aventura gráfica con dous episodios. Logo chegou AR-K: The Great Escape e no 2016 apareceu Bullshot, un xogo de disparos de onda retro (podes adquirilo en Steam por 0,99 euros).

As influenzas deste título son claras, e non queren ser ocultadas polo seu equipo. Toma referencias de Dragon Age: Origins ou Neverwinter Nights. Será por tanto un RPG europeo con ganas de contar unha historia propia, á altura da que o xogador máis experimentado no xénero agarda.

A súa campaña de financiamento comezou o 16 de outubro. Gato Salvaje Studio ten preto de mes e pico para conseguir os 130.000 euros que necesitan para a súa finalización. O seu kickstarter pode ser visitado por calquera para obter toda a información sobre as diferentes recompensas, así como toda a información acerca do The Waylanders, capturas de pantalla ou vídeos. O xogo xa estivo presente nalgunhas das feiras máis importantes do mundo, coma o Tokyo Game Show ou a Gamescom europea, no que foi seleccionado coma un dos dez indies máis interesantes do evento.

Aínda nunha fase inicial, xa amosa unha personalidade propia innegable, e poderá ser xogado tanto en terceira persoa coma en perspectiva isométrica, máis clásica no xénero. Terá un sistema de combate profundo no que o xogador decidirá como levar a cabo o combate e cal é a mellor estratexia para saír vitorioso deste.

O usuario galego recoñecerá unha influencia notable dos paraxes de Galicia en The Waylanders. Tomaranse referencias celtas e serán mesturadas con criaturas e reinos imaxinarios dun hipotético medievo, facendo equilibrios entre o mundo máxico e pagán e o tradicional, de ollada cristián. O xogo contará, de momento, con tres idiomas de saída: galego, castelán e inglés.

Cunha narrativa complexa e coidada, tamén as viaxes no tempo estarán presentes dentro do seu mundo. Poderemos levar a un grupo formado por varias personaxes. Haberá seis razas, seis clases básicas e outras trinta avanzadas. A posibilidade de dar ordes e facer que a agrupación aposte por unha formación ou outra promete dotar ao título de certo compoñente estratéxico moi interesante.

Para o guión estase contando co asesoramento de Mike Laidlaw, director creativo de Dragon Age e antigo integrante de BioWare. Diversas fontes aseguran a implicación deste peso pesado da industria está sendo máis que evidente. A súa experiencia vale ouro.

Hai algunha mala nova? En certo sentido. O xogo non verá a luz ata o ano 2020, polo que a espera pode ser larga. Con todo, o apoio da comunidade de xogadores ten que producirse xa mesmo para poder sacar adiante o proxecto de financiamento. Nós xa deixamos o noso gran de area. Ver un título de raíces galegas e desta magnitude feito realidade pode supor un incrible empurrón para a industria do videoxogo galega.

Editor

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Artigos relacionados
Comentarios non permitidos
    • Breogamer
    • En: 19 de Outubro de 2018

    Ogalla que consigan a financiacion necesaria para levar a cabo a producion do xogo. Deixando a un lado se che gusta ou non a estratexia, e un gran avance na industria do videoxogo galega que aparezan este tipo de videoxogos tan ambiciosos e con doblaxes o galego. Moita sorte neste bonito proxecto.