The Waylanders, o RPG galego, consegue o seu financiamento

The Waylanders, o RPG galego, consegue o seu financiamento

Conseguido. Logro desbloqueado. O estudio coruñés Gato Salvaje conseguiu acadar o financiamento necesario para sacar adiante un dos títulos máis ambiciosos creados e deseñados xa non só en Galicia, senón tamén en España.

The Waylanders recadou ao longo das últimas semanas os case 133.000 euros que o estudio tiña como obxectivo para a continuación do proxecto. A falta dunhas horas para que chegue o final da campaña de Kickstarter, o RPG galego conta co apoio de máis de 2.800 patrocinadores.

Fortemente influenciado por títulos como Dragon Age: Origins ou Neverwinter Nights, The Waylanders ofrecerá unha experiencia de roleo occidental á altura das máis altas producións. Non é unha exaxeración. A medida que o proxecto tomaba forma, o estudo coruñés puido contar coa axuda de traballadores da talla de Mike Laidlaw, director creativo do propio Dragon Age, e antigo empregado de BioWare. Hai apenas uns días, anunciábase tamén a incorporación de Emily Grace Buck, coñecida polo seu bo facer nas obras de Telltale Games, como Batman: The Telltale Series ou The Walking Dead: The Final Season.

O futuro videoxogo coruñés xa estivo presente nalgunhas das feiras máis importantes do mundo, coma o Tokyo Game Show ou a Gamescom europea, no que foi seleccionado como un dos dez independentes máis interesantes do evento.

Tomando como referencia para o seu deseño as terras galegas e as súas paraxes, así como a mitoloxía celta, The Waylanders mesturará criaturas e reinos imaxinarios con escenarios reais, coñecidos polo público. De momento, contará con catro idiomas á súa saída: galego, castelán, inglés e alemán.

Agora só queda esperar a súa finalización. Por diante queda un longo tempo de traballo, aínda que coa seguridade real de que o título verá a luz nalgún momento. Alcanzado o obxectivo de financiamento, calquera que o desexe aínda pode realizar a súa achega para así facerse con algunha das recompensas propostas en Kickstarter por Gato Salvaje.

 

Editor

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Artigos relacionados
Comentarios non permitidos
  1. […] The Waylanders, o ambicioso RPG desenvolto pola compañía coruñesa Gato Studio, estivo presente durante a PAX East 2019 de Boston. O futuro xogo que verá a luz ao longo do ano 2020 foi un dos proxectos elixidos pola plataforma Kickstarter, coa que logrou hai uns meses o seu financiamento, para formar parte do evento. Ao longo de toda a fin de semana púidose probar unha pre-alpha do xogo nas súas dependencias. […]