Actualidade The Waylanders xa fala galego no seu novo adianto

The Waylanders xa fala galego no seu novo adianto

A modo de aperitivo e adiantando parte do contido que chegará coa actualización programada para a semana que vén a The Waylanders, Gato Studio acaba de publicar un novo vídeo no que vemos por vez primeira a cidade de Compostela e a súa Catedral, pero tamén podemos oír o narrador en galego.

O parche do 25 de xaneiro que está por chegar engadirá as localizacións ao galego e ao castelán —amais de alemán, ruso, francés e chinés simplificado—, e permitirá unha apertura máis que intersante da xogabilidade a aqueles que non teñan demasiado bo trato co inglés.

O novo tráiler de The Waylanders amosa Compostela como unha cidade próspera, dirixida pola Iglesia, onde comerciantes,  agricultores e artesáns reúnense baixo a seguridade do poder relixioso, malia que semella que non é un verdadeiro refuxio para aqueles conectados cos costumes celtas e o uso da maxia.

Desde o estudio indican que «todos os edificios viran ao redor da Catedral, representada na súa versión románica, tanto no exterior como no interior, e con numerosos detalles como o Pórtico da Gloria ou o popular botafumeiro».

Desde Gato sinalan que as dúas versións do vídeo foron dobradas por un reputado actor de voz do mundo audiovisual como é Antonio Esquivias, coñecido polos seus papeis en videoxogos como Borderlands 3 (FL4 K) e Assassin’s Creed Valhalla (Rey¡i Rhodri) ou en series como Os Simpson (Actor Secundario Bob) ou Frasier.

«Sabemos que os xogadores están ansiosos por saber que vai pasar a continuación e temos ganas de que a xente poida explorar a Galicia medieval», explica o director creativo do proxecto, Sergio Prieto. «Agardo que esta pequena mostra do que está por vir manteña a todos os xogadores emocionados. O Early Access foi unha parte importante do desenvolvemento do gameplay que acompaña a esta historia de ambientación celta que quixemos contar e que ten tanto que ver coa nosa terra, Galicia, e as súas lendas».

Actualmente dispoñible en acceso anticipado para Steam e GOG, a versión final de TheWaylanders ten prevista a súa saída en ambas as dúas plataformas en primavera de 2021.

A continuación tes unha galería con diferentes imaxes desta Compostela medieval:

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.