The Waylanders amosa as paraxes inspiradas en Galicia que coñeceremos este verán
The Waylanders, o ambicioso RPG no que traballa a coruñesa Gato Studio e que estreará o seu acceso anticipado este verán, narrará a historia dun aventureiro que, após un encontro entre os celtas e os seus deuses, adquire a capacidade de viaxar a través do tempo. O seu periplo levaralle a desprazarse entre a mitolóxica era celta e a escura era medieval nunha terra que foi invadida pola corrupción máxica. O reino, outrora acífico, foi dividido en múltiples faccións en guerra polo trono.
Así, máis pronto que tarde, os seguidores dos xogos de rol de fantasía poderán explorar a primeira etapa desta épica viaxe. Desde vilas costeiras a impoñentes bosques, pasando por rexións máis místicas como cidades baixo terra, campamentos de lobishomes e antigas necrópoles, a Era Celta terá numerosos lugares que visitar.
É aquí, onde Gato Studio fixo un esforzo especial por mesturar fantasía con realidade, é dicir, tomar lugares reais de Galicia e outros próximos, para incluílos dentro de The Waylanders. Deste xeito, haberá zonas como Compostela, o Ézaro ou as Medulas que se verán representadas. Monumentos ou construcións emblemáticas? Tamén, como a Catedral de Santiago ou a Torre de Hércules, aquí coñecida como a Torre de Brigantia.
Así lucirán algúns destes espazos:
O mundo celta de Kaltia
A aventura comeza na rexión celta chamada Kaltia, baseada na xeografía de Galicia e na historia e mitoloxía celtas. En Kaltia, moitas relixións, culturas, razas humanas mortais e inmortais, licántropos, druídas e monstros entrelázanse no complexo tapiz que conforma este antigo reino.
Brigantia
A capital de Kaltia é Brigantia, unha enorme cidade costeira e fogar do Rey Ith. Como a cidade máis grande de toda Kaltia, Brigantia é a máis densamente poboada e está defendida por un castro celta próximo. Os humanos das rexións circundantes visítana decotío, sendo o centro neurálxico do comercio.
Dumbriga
Dumbriga é unha pequena cidade ao sur de Brigantia. O fogar da Universidade, onde os druídas de todo Kaltia veñen para estudar e perfeccionar as súas habilidades máxicas.
Mundo Moure
O Mundo Moure é unha vasta rede subterránea de cidades e pobos que se estende por baixo de Kaltia. A arquitectura é elegante e está ostentosamente decorada porque os Moures gozan de ouro en abundancia: algunhas partes dos seus corpos están compostas deste material, e por iso os seus fogares tamén están construídos con grandes cantidades de metais preciosos. Hai poucas portas a través das que poidas entrar ao seu mundo subterráneo, pero as que se coñecen son grandes e están ben protexidas.
Campamento Licántropo
O Campamento Licántropo está situado no bosque. Esta tribo de lobishomes ten cazadores expertos e goza do comercio co mundo exterior. É rara a ocasión na que se ve un visitante por esta zona, xa que os licántropos son vistos como criaturas que atemorizan a moitos humanos, e tamén porque os campamentos adoitan estar custodiados por lobos salvaxes.
Dunnios
Dunnios é unha enorme necrópole habitada por un pequeno grupo de persoas. Estes terreos albergan os corpos de miles de celtas falecidos durante os séculos pasados, incluíndo o do lendario Rey Breogán. Dunnios é o que se coñece como unha encrucillada, un lugar onde as liñas entre vivos e mortos non están claras. Tales encrucilladas son coñecidas por atraer dragóns… Deberías ir con coidado nestas terras.
Aunes
Aunes é unha bela cidade costeira, na súa maioría habitada por unhas criaturas chamadas trasgos. Os trasgos de Kaltia son criaturas travesas e que gostan de xogar, pero que non teñen intención de lle facer dano a ninguén, mais os seus trucos poden ser perigosos se consideran que algo é divertido… así que é mellor estar en garda cando visitas este belo lugar
Monte Medhu
O Monte Medhu é a única cidade moure fóra do Inframundo. Leva o nome da antiga deusa Medhu, e é un lugar con máis riquezas das que calquera poida chegar imaxinar. As minas de ouro semellan estar sempre fluíndo, e a maxia antiga está no aire para quen o respire.
[…] habitada por trasgos, ou o Monte Medhu, unha vila ó pé dunhas minas de ouro sempre fluíndo. A revista Morcego tráenos a nova de toda esta […]