THQ Nordic adquire o estudio alemán Pyranha Bytes

Días de movementos económicos, balances e algunhas sorpresas. O fin do ano fiscal sempre achega diversas novas, e no caso de THQ Nordic non é diferente. A compañía de videoxogos continúa gozando dun enorme crecemento mediático e monetario. Dentro da súa estratexia de expansión decidiu facerse cos servizos de Pyranha Bytes, o estudoo creador de títulos como Gothic ou Risen. Manterá tanto o seu nome como a súa liberdade creativa, pero fará as súas tarefas baixo o apoio da empresa sueca.
Non é a primeira vez que os camiños de THQ e Pyranha van polo mesmo roteiro. No 2017, publicaron conxuntamente Elex, un RPG post-apocalíptico; agora, xa deixan entrever no seu comunicado oficial que haberá unha continuación para esta aventura. Sobre unha nova entrega de Gothic ou Risen, o mutis é rigoroso.

Biomutant é un dos títulos máis agardados de THQ Nordic.
Pyranha Bytes manterá a súa sede en Essen, Alemaña, e tamén seguirá con todo o seu equipo de traballo habitual. «Hai momentos na vida nos que pensas: isto senta ben. Ben, pois este é un deses momentos» comenta Björn Pankratz, director de proxecto e deseñador en Piranha.
80 xogos e un triplo A con 4A Games
No seu informe anual, THQ menciona a elaboración dun proxecto que faría acompañado de 4A Games, o estudio responsable da saga Metro. Non será un tema menor. O xogo é cualificado pola propia compañía sueca como triplo A. Se acaso sabe a pouco unha obra desta envergadura, aseguran estar a traballar en 80 título diferentes, 48 de eles aínda descoñecidos para prensa e público.