Actualidade THQ Nordic adquire os dereitos de Carmageddon

THQ Nordic adquire os dereitos de Carmageddon

Ese son que un pode reproducir entre a lingua e o padal, coma se tratase de representar a implosión dun pequeno obxecto, supón unha viaxe directa á nostalxia para algúns xogadores veteranos. É a maneira máis doada de imitar o efecto que se escoitaba en Carmageddon ao atropelar un peón. THQ Nordic acaba de anunciar que adquiriu os dereitos da lendaria saga de condución arcade.

Aínda que non se achegaron cifras, a editora austríaca si confirmou oficialmente a compra da licenza a Stainless Games, propietarios ata agora da marca. Carmageddon forma parte dun deses primeiros títulos que lograron ocupar páxinas fóra da prensa especializada en 1997, debido á súa polémica xogabilidade, encarnada na mente dun condutor psicópata. Violencia de balde e gasolina. Foi un éxito indiscutible.

Stainless Games resucitou a saga tras varios anos de seca con Carmageddon: Reincarnation, un videoxogo lanzado en 2015 con resultados moi modestos. Apenas un ano despois materializouse Carmageddon: Max Damage para Xbox One e PS4, unha versión algo retocada que seguía tendo demasiados fallos. Dende aquelas, silencio.

A adquisición desta licenza por parte de THQ Nordic serve como unha nova proba do crecemento constante da compañía, que busca posicionarse como unha das grandes creadoras dentro da industria. Hai apenas uns días, facíase con Bugbear Entertainment e Coffe Stain Studios, coñecidos por deseñar Wreckfest ou FlatOu, e Goat Simulator, respectivamente. En setembro, tamén anunciou compra da licenza de Alone in the Dark.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.