Actualidade THQ Nordic continúa a súa expansión e merca tres novos estudios

THQ Nordic continúa a súa expansión e merca tres novos estudios

É ben sabido o proceso de expansión que levou a cabo nos últimos anos THQ Nordic. Co pé sobre o acelerador, a compañía con sede en Viena non quere deterse. No mercado estival fíxose cos servizos de tres novos estudios para o seu equipo: Gunfire Games, Milestone e Goodbyue Kansas Game Invest.

«É un estudio que leva sendo socio noso para o desenvolvemento de títulos hai longo tempo», explican desde THQ Nordic sobre a adquisición de Gunfire Games, autores de Darksiders 3, obra distribuída por Koch Media, filial da propia THQ. O prezo desta compra non transcendeu, aínda que si explican que se trata dunha aposta clara polos xogos RPG, así como por títulos de realidade virtual.

Pola súa banda, a xente de Milestone é ben coñecida polos seus videoxogos de velocidade, entre o que destacan RIDE, MotoGP ou MXGP. Neste caso, o acordo pechouse por 44,9 millóns de euros. Faltaría só, Goodbye Kansas Game Invest, que se configura como unha empresa de investimento de videoxogos que posúe os dereitos, por exemplo, de Biomutant e cinco pequenas desenvolvedoras: Palindrome Interactive, Fall Damage,  Neon Giant,  Kavalri e Framebunker. THQ Nordic comenta que este movemento empresarial axudaralles a atopar talento, estudios novos e ideas novas e cativadoras.

A día de hoxe, THQ Nordic xa conta cos dereitos sobre máis de 100 sagas e franquías distintas, o que a coloca como unha das distribuidoras con máis futuro e crecemento dentro da industria do videoxogo.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Comentarios non permitidos
  1. […] O informe publicado pola compañía con sede en Viena tamén trouxo outras novas interesantes, como a adquisición de tres novos estudios ou os plans de futuro de Volition e 4A […]