Thronebreaker: The Witcher Tales aterra sen avisar no catálogo de Switch
Thronebreaker: The Witcher Tales xa está dispoñíbel dentro do catálogo de Nintendo Switch. CD Projekt fixo oficial o anuncio case por sorpresa, alén dos rumores que apuntaban a posibilidade da súa chegada. Trátase dunha aventura de rol para un xogador cuxa xogabilidade toma como base o mítico xogo de cartas Gwent.
O prezo sitúase nos 19,99 euros e conta o relato de Meve, unha poderosa soberana que loitou e gañou en centos de batallas ao longo da súa vida.
Igual que para PC, Xbox One e PlayStation 4, o título chega traducido ao castelán, malia que se debe descargar o idioma de forma independente. Estreado en outubro de 2018, trátase dunha obra que quizais non xerase as vendas que os polacos agardanan, pero que se configura como unha viaxe máis que entretida, moi recomendábel se gozaches cos títulos do Lobo Branco.