Actualidade Tim Sweeney especula con facer de Fortnite algo máis que un xogo

Tim Sweeney especula con facer de Fortnite algo máis que un xogo

Dalgún xeito, Fortnite xa é máis que un xogo, identificado como símbolo dunha xeración de xogadores para moitos. A resposta de Tim Sweeney a un chío que preguntaba se Fortnite era un xogo ou unha plataforma xerou expectación e curiosidade. A cara máis coñecida de Epic Games afirmou que era un xogo, pero que lle fixese a mesma pregunta dentro de doce meses. Que plans ten a compañía para o seu xogo máis exitoso?

As interpretacións poden ser variadas, quizais só un farol, pero é imposible non caer na tentación de imaxinar que Epic quere que Fortnite siga xerando millóns para as súas arcas. A galiña dos ovos de ouro dos battle royale necesitará novos impulsos no futuro, aínda que é difícil previr cales serán. Moitas voces apuntan que Epic tomou nota de Riot e que quizais queira utilizar a marca Fortnite dunha maneira comercial alén do título orixinal, é dicir, crear novos xogos baixo o paraugas dun nome que prometa vendas por si só.

Tampouco se descarta a posibilidade de que vexamos series ou películas ambientadas no universo do famoso battle royale. As apostas comezaron. Os últimos movementos de Epic pasaron por se achegar a xigantes do entretemento, como Disney, o que permitiu que as súas estreas cinematográficas tivesen un oco dentro do xogo, como Star Wars ou Vingadores.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Comentarios non permitidos
  1. […] A empresa de análise de datos explica que esta caída trátase dun proceso de estabilización normal e habitual, froito do brutal éxito inicial do xogo. Porén, é certo que algúns analistas predixeron estes días que se podería estancar ou non ser capaz de reter aos seus seguidores moito máis tempo. Opinións aparte, o certo é que o battle royale de Epic continúa máis que vivo após o comezo do seu Capítulo 2, e deixa entrever ambiciosos plans de futuro. […]