Tim Willits, Premio Honorífico na IX edición do Fun & Serious Festival de Bilbao

Fun & Serious Game Festival revela o segundo dos seus premios honoríficos desta edición. Será o veterano ex-director e co-propietario de id Software, Tim Willits —que este agosto anunciou o seu novo cargo como Chief Creative Officer da desenvolvedora Saber Interactive— o Premio Bizkaia deste ano. Acompañarao no podio de premiados honoríficos a compositora e intérprete Yōko Shimomura, tal e como se anunciou hai un par de semanas.
Willits, que anunciou a súa saída de id Software durante a última QuakeCom, pode presumir dunha prolífica e brillante carreira na industria do videoxogo. Aos seus 47 anos, o seu nome está—e estará— vinculado á franquía Doom e Quake por sempre. De feito, o estadounidense, licenciado en Computación e Negocios pola Universidade de Minnesota, uniuse como deseñador a id Software aló por 1995 após impresionar aos propietarios do estudio —é dicir, a creadores do calibre de John Carmack, Adrian Carmack, John Romero ou Tom Hall— co desenvolvemento e distribución gratuíta na Internet de niveis para o mítico shooter. Varios destes niveis realizounos en colaboración coa súa irmá Theresa Chasar.
A traxectoria profesional de Willits vinculada a id Software inclúe, ademais, o deseño de títulos icónicos como a saga de Quake Series e Doom 3 así como a dirección de Rage. En id Software asumiu o título de director do estudio en 2013, para guialo na creación de títulos como a revisión de Doom en 2016, Rage 2, Quake Champions e Doom Eternal.
«Entregar un dos nosos premios honoríficos a un profesional do talento e excelencia de Tim Willits é un luxo. As súas achegas no desenvolvemento de mapas e niveis e a súa creatividade en soadas shooters que marcaron a xeracións de gamers convertérono nunha das iconas claras na historia do videoxogo», explica Alfonso Gómez, director do festival Fun & Serious.
Tim Willits incorpórase á nómina de premiados honoríficos do Fun & Serious que inclúe nomes imprescindibéis da Historia do Videoxogo coma Jeff Kaplan (Blizzard), Jade Raymond (Stadia-Google) Jordan Mechner (autor de Prince of Persia), John y Brenda Romero, Fumito Ueda (The Last Samurai), Yuji Naka (Sonic); Alexey Pajitnov (Tetris); Trip Hawkins (Fundador de EA) ou o pai de Monkey Island, Tim Schafer.
Unha achega ao Fun & Serious Game Festival
O Fun & Serious Game Festival, que se celebrará entre o 6 de decembro e o 9 de decembro en Bilbao, é o maior festival de videoxogos de toda Europa e converteuse nun punto de referencia dentro da industria do vello continente. Pola capital biscaíña pasaron o pasado ano máis de 40.000 asistentes entre as súas diferentes actividades.
A súa misión é recoñecer e impulsar o traballo de produtores, directores, artistas e desenvolvedoras de videoxogos, a través dun completo programa que inclúe conferencias, mesas redondas, networking e actividades destinadas ás empresas e ao público en xeral. O festival remata, todos os anos, cunha exclusiva Gala de entrega de Premios aos mellores videoxogos do ano.