Actualidade TLOTR: Gollum adía a súa chegada e vaise até o 2022

TLOTR: Gollum adía a súa chegada e vaise até o 2022

«Xinetes de Rohan! Que novas tedes da marca?», preguntaba Aragorn nun momento concreto de versión cinematográfica das Dos Torres, e é posíbel que hoxe non estivese contento coas noticias. Daedalic Entertainment fixo oficial o atraso de The Lord of the Rings: Gollum, que apraza a súa estrea até o próximo ano.

O estudio non ofreceu demasiados detalles, mais entra dentro da normalidade actual ver este tipo de atrasos por mor da situación mundial provocada polo coronavirus. Por suposto, explican que este movemento garantirá «que o xogo cumpra coas expectativas dos fans do Señor dos Aneis».

Contando co apoio de Middle-Earth Enterprises, empresa responsábel dos dereitos de adaptación das novelas orixinais, Daedalic prometeu crear unha versión fiel da Terra Media e os seus habitantes. «Gollum é hábil e astuto, pero tamén está roto no seu interior pola súa dobre personalidade», reza o comunicado oficial. «Depende de ti decidir se o lado escuro de Gollum toma o control ou queda unha faísca de razón no que outrora foi Sméagol».

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.