
Todo o que precisas saber do Nintendo Direct
Como non podía ser doutra maneira, aquí tendes os xogos máis destacado do Nintendo Direct que puidemos gozar onte, mércores 13 de febreiro.
-
Super Mario Maker 2
Comezou da mellor maneira posible o Nintendo Direct co regreso do noso fontaneiro favorito. Super Mario Maker 2, a continuación da exitosa entrega de Wii U en 2015, será unha realidade a partir de xuño de 2019 en Nintendo Switch. E polo que amosou Nintendo, parece que non vai decepcionar.
Este novo título contará cos acenos de identidade que fixeron que o primeiro se convertese nun éxito de vendas. Ademais de poder crear e editar os niveis que nos permita a imaxinación, dispoñeremos de novas ferramentas á nosa disposición coma o avance en vertical ou unha disposición das pezas en forma de ruleta, o que permite unha maior accesibilidade.
-
Marvel Ultimate Alliance 3: The Black Order
Pasaron dez anos desde a última entrega dunha das sagas máis aclamadas dos fans dos cómics. Marvel Ultimate Alliance 3: The Black Order chegará a Nintendo Switch tras unha década, cos Vengadores, a Patrulla X e compañía, dispostos a pararlle os pés definitivamente a Thanos.
Entre as novidades que puidemos coñecer, atópase a posibilidade de xogar con até tres amigos máis a través dunha conexión local ou en liña. Grazas aos gráficos de estética de banda deseñada, poderemos gozar de combater xunto aos nosos amigos para poder executar devastadores ataques en equipo chamados Alianza Extrema Definitiva. O que si que parece definitivo é que este mesmo verán poderemos gozalo nas nosas consolas.
-
Box Boy!+ Box Girl!
Atopámonos ante a chegada a Nintendo Switch dun xogo pertencente á súa irmá pequena, Nintendo 3 DS. Este título proponnos controlar a Qbby, unha pequena caixa que se ve na obriga de superar todos os obstáculos que xorden no seu camiño. Para iso, contará coa habilidade de xerar máis caixas que lle axuden. Desta vez terá ao seu carón á súa homónima feminina para axudarlle.
Ao longo de 270 niveis poderemos retar ao noso cerebro para resolver todos os quebracabezas posibles. Se aínda así quedades con gana de máis, Qudy, un simpático rectángulo poderá ser controlado ao rematar a historia principal, achegando un maior desafío aos máis completistas. Box Boy!+ Box Girl! chegará o 26 de abril de 2019.

Xurdirá o amor entre as dúas caixas?
-
Super Smash Bros Ultimate
Unha dos grandes títulos da compañía xaponesa recibirá unha nova personaxe para aportar aínda máis variedade de loitadores. Joker, pertencente á franquía Persoa, chegará a Nintendo Switch esta primavera en forma de DLC de pago, no que denominaron Pack do aspirante 1.
Ademais, revelouse que novos Amiibo atópanse en camiño para este 2019. Entre eles atópanse Solid Snake, Simon, Squirtle, Ivysaur e o Adestrador Pokémon. Preparade as vosas billeteiras, aproxímanse compras.
-
Captain Toad: Treasure Tracker
As aventuras do noso cogomelo favorito non remataron. Grazas a unha actualización de balde para Nintendo Switch, agora poderemos xogar acompañados. Todos os niveis da aventura atópanse actualmente dispoñibles para ser percorridos no modo cooperativo e así realizar un repaso ao título con quen queiras.
Tamén poderemos gozar de 5 niveis inéditos até agora. Iso si, desta vez teremos que tirar de aforros, xa que o contido descargable será de pago. O 14 de marzo poderemos vivir este novo contido na versión de Nintendo Switch, aínda que se reservades antes da data poderedes gozar do primeiro nivel de forma anticipada.

Teremos que facer equipo para poder salvar todas as dificultades.
-
Bloodstained: Ritual of the Night
Nintendo preséntanos nesta ocasión unha proposta moi atractiva por parte de 505 Games, a través do scroll lateral clásico pero con ideas moi interesantes. Nesta nova aventura controlaremos a lady Miriam, posuidora da maldición do alquimista que terá que enfrontarse aos demos que pertencen ao antigo posuidor da maldición, Gebel.
Atravesando as portas do seu castelo, teremos á nosa disposición varias habilidades, tales como roubar as dos inimigos, inverter a gravidade ou transformarnos nun raio co que poder avanzar a gran velocidade e superar zonas inaccesibles. Á súa vez, poderemos gozar de numerosas misións secundarias e poderemos personalizar a Miriam ao noso gusto. Bloodstained: Ritual of the Night chegará no verán de 2019 a Nintendo Switch.
-
Dragon Quest Builders 2
Square Enix encárgase de traer a secuela do seu título de construción e supervivencia baseado na franquía de Dragon Quest. Cos reconocibles debuxos de Akira Toriyama, Dragon Quest Builders 2 proponnos penetrarnos no modo historia no que construír o noso destino ou unirnos no modo cooperativo, tanto local como en liña, xunto a 3 Construtores máis.
Construción de estruturas, ferramentas e a recolección de materiais serán as principais mecánicas que dispoñeremos para poder crear o noso mundo a pracer, que esta vez poderá ser xogado en primeira persoa, baixa a auga ou polo aire. Esta secuela sairá en Nintendo Switch o 12 de xullo de 2019.

Dous cerebros traballan mellor que un.
-
Dragon Quest XI S: Ecos dun pasado perdido – Edición definitiva
Cun título que faría sorrir a Tetsuya Nomura, atopámonos ante a revisión do título lanzado orixinalmente en 2017 para todas as plataformas. Será no outono de 2019 cando chegue ás nosas mans a versión para Nintendo Switch. Entre as principais novidades, atópase a elección de voces en xaponés ou inglés, poder modificar a música entre orquestra instrumental ou clásica en calquera momento, ou poder xogar en 2D, ao estilo 16 bits que rememora as entregas máis antigas.
-
Disney Tsum Tsum Festival
Esta vez é Bandai Namco a que nos presenta este desenfadado título para toda a familia. En Disney Tsum Tsum poderemos controlar a peluches baseados nos personaxes máis icónicos da compañía Disney en varios minixogos, tanto cooperativos locais como en liña. Unha proposta familiar que chegará a Nintendo Switch nalgún momento do 2019.

Un xogo para distraerse e non pensar demasiado.
-
Starlink: Battle for Atlas
E unha nova actualización para o título protagonizado por Fox e compañía. Nesta ocasión, contaremos con habilidades específicas de cada personaxe para que poidan enfrontarse aos infames membros de Star Wolf. Novas misións, carreiras de naves ou eventos de facción son algunhas das novidades presentadas onte para unha actualización que ten como data de saída o mes de abril.

Os enfrontamentos serán máis duros que nunca.
-
Rune Factory 4 Special
Un remaster que trae Nintendo para Switch. Este clásico JRPG permite criar monstros, cultivar a nosa propia comida ou pescar e cociñar suculentos pratos para os nosos protagonistas. Ademais, poderemos contraer matrimonio con outros personaxes e enfrontarnos a un dos retos máis complicados de todos: o matrimonio. Rune Factory 4 Special aterrará en Nintendo Switch nalgún momento deste ano.

A beleza non lla quita ninguén.
-
Oninaki
Outro título dos presentados vén da man dos creadores de I Am Setsuna e LOST SPHEAR. Entraremos na pel de Kagachi, un mozo que debe salvagardar a orde entre o mundo dos vivos e os mortos. Para iso, deberá viaxar entre ambos espazos e protexer as almas perdidas para así obter novos poderes.
Será fundamental combinar as habilidades que vaiamos adquirindo ao longo da aventura se queremos ter algunha oportunidade. Para xogalo haberá que agardar ao verán.
-
Yoshi’s Crafted World
Unha das personaxes máis queridas dos fans de Nintendo está de volta. Yoshi’s Crafted World é o novo xogo baseado no dinosauro verde e que nos volve amosar o seu xenial deseño. Esta vez tocou ver a Yoshi facer balsismo, competir en coches solares ou sucar os ceos sobre avionetas.
Ademais, poderemos intercambiar moedas do xogo por vestimentas de manualidades que nos proporcionará un pouco de protección fronte aos inimigos. Poderemos escoller entre 180 vestimentas de todo tipo cos que personalizar a Yoshi. Tendes xa dispoñible unha versión de proba do primeiro nivel dun título que sairá o 29 de marzo de 2019.

Imposible non sentir un aquel por este xogo.
-
Fire Emblem: Three Houses
Unha das pezas centrais xa anunciadas antes do Nintendo Direct era a nova entrega da saga Fire Emblem. A proposta é bastante ambiciosa, xa que poderemos encarnar tanto a un heroe como a unha heroína. O noso protagonista terá que alistarse na Academia de Oficiais do Mosteiro de Garreg Mach, pertencente ao reino de Fódlan. Iso si, nesta ocasión non seremos alumnos, senón profesores.
Ao máis puro estilo Hogwarts, deberemos escoller unha das tres casas nas que impartir cátedra, coas peculiaridades e problemas propios de cada unha. A través das túas leccións, deberás impartir clases coas que mellorar as habilidades dos teus alumnos e comandalos en misións baseadas no combate de estratexia por quendas. Fire Emblem: Three Houses chegará a Switch o 26 de xullo de 2019, o que supón unha demora duns meses respecto das datas previstas.
-
Tetris 99
Tetris reinvéntase e proponnos unha modalidade battle royale para este clásico. Teremos que facer fronte a 98 xogadores para demostrar que só pode quedar un á hora de completar liñas. Este título é exclusivo dos subscritores de intendo Switch Online e atópase xa dispoñible. Que treman Apex Legends e Fortnite, Tetris 99 acábase de unir á festa.
-
Dead by Deadlight
Outro título adaptado a Nintendo Switch. Un xogo baseado no gato e o rato, no que un xogador encarnará ao asasino mentres o resto dos xogadores terán que agocharse da súa mirada e evitar calquera enfrontamento se queren saír vivos de tan adversa situación.
Haberá múltiples personaxes, mapas e obxectos de personalización á nosa disposición para facer deste sanguento título algo máis cunha persecución inxusta. Tamén teremos un sistema de progresión co que mellorar as nosas habilidades. Dead by Deadlight sairá durante o outono de 2019.
-
Deltarune: Chapter 1
Toby Fox, creador do aclamado Undertale, preséntanos a nova obra que estaban a agardar con tanta gana os fans dese título. Pouco podemos contar acerca da súa xogabilidade, xa que o bo de Toby censurou a maior parte do seu propio tráiler aínda que algunhas das mecánicas típicas parece que estarán de volta. Poderemos gozar deste título a partires do 28 de febreiro na Nintendo eShop . Ademais, puidemos saber que actualmente se atopan máis capítulos en desenvolvemento, aínda que esta vez si que serán de pago.
-
Daemon X Machina
Kenichiro Tsukuda, produtor de Daemon X Machina, fixo acto de aparición para contarnos as últimas novidades respecto ao título. E é que tendes dispoñible por tempo limitado unha versión de proba na Nintendo eShop chamada Misións Prototipo. Nela poderemos gozar de atée catro misións, explorar os controis e comprobar as opcións de personalización do noso robot. Tamén estará dispoñible o combate contra un dos xefes finais, para que poidades retarvos a vós mesmos.
Iso si, esta versión de proba atópase dispoñible unicamente durante un tempo limitado, así que darvos présa se queredes facervos cunha copia. Poderedes responder a unha enquisa respecto das vosas sensacións co título se sodes seleccionados para esta tarefa. Daemon X Machina sairá no verán de 2019.
-
GRID Autosport
Codemasters tráenos unha entrega dun dos seus títulos de referencia no ámbito da condución. Até cen coches e cen circuítos, como Spa ou as rúas de Barcelona, estarán á nosa disposición. Tamén poderemos personalizar os controis segundo as nosas preferencias.
Como non pode ser doutra maneira, os modos multixogador offline e online estarán dispoñibles, así como Carreiras Urbanas ou o Derbi de demolición. Cun apartado gráfico moi sólido, GRID Autosport chegará a Nintendo, unha vez máis, de cara ao verán.
-
Hellblade: Senua’s Sacrifice
O aclamado título de Ninja Theory chega á consola de Nintendo. Afianzado por numerosos premios e por tocar temáticas pouco comúns nos videoxogos como a depresión e a tolemia, Hellblade poderá ser gozado por todos os usuarios de Nintendo Switch nalgún momento desta primavera próxima.
-
Mortal Kombat 11
Con 25 anos ás súas costas, a saga máis sanguenta de loita, aterrará en Nintendo Switch o 23 de abril de 2019. Gore, fatalities e moita diversión é o que nos agarda nun dos xogos de referencia no apartado da loita.

Non van faltar os brutais ataques característicos da franquía.
-
Unravel Two
A continuación da entrega de Electronic Arts que namorou a todo o mundo hai apenas uns anos, chega desta volta a Nintendo. Coa posibilidade de poder xogar no modo cooperativo controlando a dous Yarnys como principal atractivo, Unravel Two estrearase en Switch o 22 de marzo de 2019.
-
Assassin’s Creed III Remastered
Poida que non sexa o remaster que todo o mundo pedise pero seguro que haberá fans que queden satisfeitos con volver vivir a época da Guerra da Independencia dos Estados Unidos. Tamén poderemos xogar a Assassin’s Creed Liberation Remastered, título independente da historia. Dispoñible o 21 de maio.
-
Franquía Final Fantasy
Era o único sitio onde aínda non estaban e non se podían permitir tal pecado. Final Fantasy VII e IX sairán en Nintendo Switch. O 26 de marzo será o momento do VII, mentres que o IX atópase dispoñible no momento que estades a ler estas liñas. Ademais, Chocobo’s Mistery Dungeon EVERY BUDDY! tardará un pouco menos en facer a súa aparición, o 20 de marzo.
-
Astral Chain
Hideki Kamiya, Masakazu Katsura e Takahisa Taura atópanse á fronte da nova entrega de Platinum Games. A compañía creadora de xogos como Vanquish ou Bayonetta, presenta o seu novo título ambientado nun futuro distópico que lembra a Blade Runner aínda que cunha estética máis propia dun anime.
O 30 de agosto de 2019 poderemos comprobar exactamente as mecánicas deste novo proxecto que de seguro non defraudará aos amantes dos hack & slash máis esixentes. Por certo, Bayonetta 3 atópase en desenvolvemento, así que todos os amantes da bruxa podedes respirar tranquilos.
-
The Legend of Zelda: Link’s Awakening
Un dos títulos máis clásicos da franquía regresa 26 anos despois de ser lanzado na Game Boy orixinal. Desta vez, e de maneira totalmente renovada, todo o mundo poderá volver estar na pel de Link e vivir aventuras por unha terra descoñecida chea de misterios e perigos. Será durante este 2019, o momento no que poderemos facernos cun xogo do que vos informaremos en canto vaian saindo máis detalles.
[…] último Nintendo Direct deixou un pequeno baleiro no corazón de aqueles que ansiaban coñecer algo máis sobre a nova […]