Tres títulos aos que xogar antes de que remate o ano

Tres títulos aos que xogar antes de que remate o ano

Chegou setembro e se aínda non probaches algún destes tres lanzamentos, tes tarefas pendentes. Desde Revista Morcego recomendamos tres dos mellores xogos do que vai de ano.

God of War

Sen dúbida, esta creación de Santa Monica Studios para Sony é a máis firme candidata a ser o próximo xogo do ano nos Game Awards. Esta nova aventura de Kratos supón un reinicio (aínda que non tanto) do universo de God of War. Desta volta, contaremos cun aliado na loita: Atreus, fillo do protagonista. Tamén cambia a ubicación do xogo. Pasaremos da antiga Grecia ao mundo da mitoloxía nórdica, recreado á perfección e que conta con personaxes recoñecibles para os enterados na materia.

O xogo segue a dinámica dos anteriores en canto á brutalidade no combate, a presenza dun gran número de combos e de golpes finais de gran impacto visual. Ademais, engade o factor cooperativo coa IA, xa que poderemos dar ordes a Atreus para que execute os seus propios ataques e así liberar algo do peso da batalla sobre el. Se buscamos un punto débil, este estaría sen dúbida na cantidade de xefes fináis. Para os que xogaron á terceira entrega en PS3, os malos pareceranlles escasos e algo repetitivos, aínda que seguen a ser combates moi completos e épicos.

A narrativa deste God of War é outro dos puntos a destacar, pois é infinitamente máis profunda ca no resto de títulos da saga. A relación entre pai e fillo centra unha historia cargada de emocións, valores éticos e revelacións. Ademais, o relato mitolóxico volve a construirse arredor dos grandes deuses, neste caso nórdicos.

 

Título: God of War

Desenvolvido por Santa Mónica Studio

Xénero: Acción

Plataforma: PS4

 

Octopath Traveler

Unha misión moi complexa a de Acquire e Square Enix. Na busca dun xogo de rol como os da época da Super Nintendo, lánzase en pleno 2018 Octopath Traveler, exclusivo para Nintendo Switch. Trátase dun exercicio nostálxico que volta aos tempos dos 16 bits e que, seguro, gustará a aquelas personas que superen os 30 anos e eran xogadores nos 90.

Octopath Traveler da total liberdade ao xogador para escoller á personaxe inicial, entre oito heroes. Ao longo da aventura, iremos descubrindo a historia do resto de protagonistas. Pode ser a dun ladrón que busca redención, a dun erudito na misión de recuperar un vello manuscrito ou a dunha muller vendida como escrava cando era nena. Esta liberdade á hora de escoller está tamén presenta ao longo do xogo, xa que poderemos escoller a orde na que sumar personaxes, sempre tendo en conta o nivel de dificultade de cada experiencia. En total, poderemos botar máis de 60 horas para rematar este xogo.

O sistema de combate é o clásico dos J-RPG. Loitas por turnos e progresión de nivel que vai engadindo habilidades e posibilidades aos nosos heroes. A dificultade varía dependendo do momento no que nos atopemos do xogo, pero ao longo do mesmo será necesario adestrar para subir de nivel e poder afrontar todos os retos. Isto pode facer que a aventura sexa repetitiva en determinados momentos, algo que tamén é habitual no xénero.

Outro dos apartados destacados do título é o gráfico, baseado no aspecto dos xogos en 16 bits pero con profundidade no escenario que crea unha gran beleza no conxunto. Ademais, a portabilidade que garante a nova máquina de Nintendo permitiranos xogar a Octopath Traveler en calquera lugar, o que sempre é un plus.

 

Título: Octopath Traveler

Desenvolvido por Acquire e Square Enix

Xénero: JRPG, RPG, Rol

Plataformas: Nintendo Switch

 

Fortnite

Estamos ante un fenómeno mundial. Un xogo con millóns de usuarios cuxo éxito semella non ter fin. Fortnite, obra dos creadores do Gears of War orixinal, naceu como un battle royale de acción en terceira persoa coa estratexia como punto forte. O seu sistema de construccións é fundamental para a supervivencia do xogador, priorizándoo fronte ao combate en moitas ocasións.

A mecánica do xogo é sinxela. Hai varios tipos de partida: en solitario, por dúos, de catro ou dous equipos de cincuenta. Un autobús transporta polo ceo aos xogadores, que poden elixir o punto onde caer dun extenso mapa. Ao aterrar, deberán buscar provisións e prepararse para loitar co resto de opoñentes. A recolección de materiais como madeira, pedra ou metal é tamén moi importante para poder construir sen limitacións polo mapa. O xogador ou equipo que remate con vida será o gañador.

Pese ao sinxelo que pode parecer o xogo, as amplas posibilidades do mapa, a variedade de armas e o divertido que pode resultar xogar con amigos son factores que garanten o éxito do lanzamento de Epic Games, que acaba de estrear a súa quinta temporada. Por outra banda, o feito de que Fortnite sexa gratuito é outro dos motivos que explican a súa repercusión. Pódese pagar para conseguir desafíos e modificar aos personaxes, pero non afecta á experiencia do xogo. Ademais, hai outro modo cooperativo de pago (que realmente é a semente inicial do título de Epic Games) no que os enimigos son zombies que será liberado ao longo deste ano.

 

Título: Fortnite

Desenvolvido por: Epic Games

Xénero: Shotter, Acción, Battle royale

Plataformas: PC, Mac, PS4, Xbox One, Nintendo Switch, Android e iOS.

Redaccion

Revista Morcego, o perfil para subir a información xeral, do día a día.

Artigos relacionados