
Trinta minutos na pel de Claire Redfield. Nova demo de RE2
Os zombis de Resident Evil 2 Remake avanzan pouco a pouco cara o seu lanzamento, o 25 de xaneiro do 2019, para PC, PS4 e Xbox One. Dende hai un par de días os xogadores interesados neste revisión do proxecto orixinal poden gozar de media hora de demostración con Claire Redfield coma protagonista. Trátase dunha retransmisión en inglés.
Lanzado polas oficinas británicas de Capcom, o novo gameplay mostra á protagonista feminina do título loitando contra algúns dos monstros clásicos da saga de terror e supervivencia máis famosa da historia. Pódense ver tamén algunhas pinceladas das opcións que incluirá o xogo (posibilidade de cámara invertida, velocidade da mesma…).
Capcom aínda non confirmou se lanzará esta demostración ao gran público, aínda que vendo o estado tan avanzado da produción non sería descartable. O certo é que o xogo está levantando unha expectación tremenda, e cada novo contido que chega ás pantallas sorprende pola súa calidade, en boa medida grazas ao espectacular apartado gráfico co que conta e o ben que lle senta a este remake o camiño escollido para a súa creación.