Actualidade Twitch expulsa a unha cosplayer por caracterizarse como unha lenda negra de Apex Legends

Twitch expulsa a unha cosplayer por caracterizarse como unha lenda negra de Apex Legends

Novo acontecemento con polémica en Twitch. A plataforma morada expulsou temporalmente á cosplayer Karina ‘Karupups’ Martsinkevich, tras caracterizarse como Lifeline, lenda do famoso battle royale de Respawn, Apex Legends, aplicándose para iso unha maquillaxe que lle outorgase un ton máis escuro á súa pel.

Karina ‘Karupups’ Martsinkevich caracterizada como Lifeline.

A creadora de contido lituana tinguiuse o pelo para parecerse máis á personaxe de apoio. Tamén puxo unha camiseta branca e unha serie de complementos estéticos. Xusto no momento no que comezaba a aplicarse a capa de maquillaxe no seu rostro, Twitch procedeu á expulsión. A plataforma contempla o blackface, termo co que se coñece ao acto de tentar caricaturizar ou presentarse como unha persoa negra, como unha conduta de odio.

«Na miña retransmisión quería mostrar aos espectadores o difícil que é prepararse para un cosplay, canto tempo require a maquillaxe, o disfrace e outros detalles», explica Martsinkevich nun correo electrónico enviado a Kotaku. A cosplayer lituana quixo aclaralo todo en YouTube cun vídeo no que explica que descoñecía esta normativa de Twitch, e no que pide desculpas a todas as persoas que se sentiron atacadas ou ofendidas durante o seu directo.

 

Carlos Pereiro
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *