Actualidade Ubisoft apunta que PS5 non contará con retrocompatibilidade de PS1, PS2 e PS3

Ubisoft apunta que PS5 non contará con retrocompatibilidade de PS1, PS2 e PS3

Ubisoft achegou unha nova pista acerca da retrocompatibilidade de PS5. Na páxina de soporte da compañía francesa especificábase —a información xa foi eliminada— que a nova consola de Sony non sería retrocompatíbel con PS1, PS2 nin PS3.

Aínda que Sony aínda non se pronunciou respecto desta información, é máis que posíbel pensar que as grandes empresas da industria teñan acceso á devandita información a falta de poucos meses para o lanzamento. O certo é que, en teoría, a nova xeración debería chegar en dous meses, pero aínda non hai data exacta, tampouco precio.

O texto especifica que a compatibilidade con versións anteriores estará dispoñíbel nalgúns títulos de PS4, pero non será posíbel cos xogos de PS3, PS2 ou PS1. No outro lado da estrada estaría Xbox Series X, que xa confirmou hai tempo que a súa compatibilidade con versións anteriores estará dispoñíbel coa maioría dos xogos de Xbox One, Xbox 360 e Xbox.

Outro detalle de interese é o relacionado co soporte multixogador, asegurándose que os usuarios de PS4 e Xbox One poderán conectar cos das súas irmás maiores, PS5 e Xbox Series X. Mesmo se sinala que os logros de Xbox One poderán ser transferidos a Xbox Series X.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.