Actualidade Ubisoft cambia PS4 polo PC como a plataforma onde máis vende

Ubisoft cambia PS4 polo PC como a plataforma onde máis vende

Ao longo de todo o día, é moi probábel que atopes na Rede moitos máis artigos de Ubisoft que de costume. Non é casualidade. A compañía francesa publicou este 18 de xullo os datos económicos correspondentes ao primeiro trimestre do seu ano fiscal 2019-2020, concluído o día 30 de xuño. Neste informe, presume de fantásticos resultados coa saga Asassins’s Creed por bandeira e o Rainbow Six Siege á cabeza.

Podes consultar todos os datos no informe publicado de xeito oficial, pero abonda dicir que a empresa obtivo uns números por riba do previsto. Os franceses tiveron vendas netas por 363,4 millóns de euros, unha cifra que aínda que é menor se a comparamos coa do mesmo trimestre do ano pasado, si que é superior ao que se estimaba.

Deoutra banda, Ubisoft tamén desvela no seu informe un curioso cambio de tendencia. Namentres o ano pasado por estas datas a súa mellor plataforma para lograr beneficios era PlayStation 4, agora ese lugar é ocupado polo PC. Intercambiaron os seus papeis económicos. Un 34 % dos ingresos da compañía proveñen dos ordenadores superando, deste xeito, o 31 % de PlayStation 4. O ano pasado, a máquina de Sony posuía un 38 % das vendas, o que deriva nun forte descenso para esta plataforma.

Xbox One queda na terceira posición, cun 18 %, mentres que os móbiles e  Nintendo Switch repártense o resto de prazas cun 7 % e un 5 %, respectivamente.

 

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.