Actualidade Ubisoft demanda a Google e Apple por distribuíren un clon de Rainbow Six: Siege

Ubisoft demanda a Google e Apple por distribuíren un clon de Rainbow Six: Siege

Dentro da industria do videoxogo é habitual comprobar como o éxito dun título concreto pode derivar na creación de obras similares, de clons case idénticos, na procura de se quedar cunha parte do público. Rainbow Six: Siege conta co que moitos definen como «un clon chinés», o Area F2. Ubisoft considera este título unha copia ilegal, polo que presentou unha demanda na corte federal dos Ángeles para evitar a súa distribución.

A información foi publicada por Bloomberg, onde se recollen os motivos polos que a empresa francesa considera un clon ilegal este Area F2. «Cada aspecto de Area F2 é unha copia de Rainbow Six: Siege, desde a pantalla de selección de operador até a escena de resultados finais, e todo o que hai no medio», sinala o informe. O título de orixe chinesa foi creado por Ejoy, parte de Alibaba Group Holdings Ltd, un enorme conglomerado asiático.

Ubisoft xa notificara a Google e Apple durante a promoción e lanzamento do xogo, nos primeiros meses do 2020, que o novo xogo infrinxía os seus dereitos de propiedade, pero ambas as dúas empresas decidiron non retirar o xogo das súas tendas. A demanda chega agora e haberá que agardar un tempo para comprobarmos a súa resolución.

Rainbow Six: Siege converteuse nun dos grandes éxitos da compañía, un título que superou a barreira dos 10 millóns de unidades vendidas e que continúa funcionando como unha fonte de ingresos constante, cunha comunidade fiel e competitiva. En febreiro confirmouse que presente na nova xeración de consolas.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.