Ubisoft detalla o programa do seu evento dixital, no que regalará Watch Dogs 2

Ubisoft vén de poñer sobre a mesa toda a información sobre o Ubisoft Forward, o evento dixital programado para este domingo 12 de xullo, ás 20.30 horas, no que poderemos ver os seus actuais proxectos e as súas sorpresas futuras.
A cita funcionará como unha substituta á súa confe rencia do E3. Comezará cun pre-show no que se mostrará contido de Trackmania, Ghost Recon: Breakpoint e Just Dance 2020, xunto con diversas entrevistas a desenvolvedores e deseñadores dos estudios que compoñen a compañía.
O prato forte da xornada está reservado para o que se podería definir como evento principal, a partir das 21 horas, e que contará coa presenza xa confirmada de tres títulos: Watch Dogs: Legion, Assassin’s Creed Valhalla e Hyper Scape. Haberá máis adiantos? É posíbel, pero a compañía francesa só fixo fincapé nestes.
Unha vez remate a retransmisión, poderase ver unha partida estendida de Valhalla e gozar dun torneo de Hyper Scape, o novo battle royale francés. Ademais, a presentación poderase ver unha web habilitada para a ocasión. Todo aquel que decida vela nesta canle poderá entrar coa súa conta Uplay durante a primeira partida de Trackmania no pre-show para recibir unha copia gratuíta de Watch Dogs 2 para PC.