Ubisoft esnáfrase na bolsa após un xoves negro de atrasos

Ubisoft esnáfrase na bolsa após un xoves negro de atrasos

Tempos difíciles para unha Ubisoft que terá de remar de xeito uniforme e constante se non quere deixarse levar pola riada de malas novas que nesta recta final de semana asolagou as súas oficinas. A compañía non saíu indemne de dous fracaso recentes: The Division 2 e Ghost Recon: Breakpoint. Consecuencias? Polo momento, semella que a empresa parisiense quere replantear as cousas e atrasou case todos os proxectos que tiña no horizonte. Este venres, ademais, o valor en bolsa das súas accións descendeu un 21 %.

Malia que as baixas vendas de The Division 2 poderían sorprender, o desastre de Ghost Recon: Breakpoint foi analizado como unha crónica xa escrita, un título que non cumpre cos requisitos mínimos dun triplo A convencional, e queda moi lonxe da posibilidade de mellorar o vivido con Wildlands. Doutra banda, o looter-shooter, que si se define como un videoxogo á altura, cun endgame ben deseñado e que confiaba no éxito da boa recepción obtida coa súa primeira entrega, non recibiu a resposta do mercado e o público. Malos tempos para a lírica.

Internamente, o asunto é grave. Os resultados previstos están lonxe de ser os reais, preto de 500 millóns de euros menos. O certo é que o atraso de títulos como Watchdogs Legion, God & Mosters ou Rainbow Six Quarantine poderíase ver como unha boa nova á espera de que o seu desenvolvemento mellore e acaben sendo obras á altura das expectativas, como si foi Assassin’s Creed Odyssey. En calquera caso, xa non hai unha data concreta para estes xogos, máis aló da posibilidade de que cheguen ao longo da segunda metade do 2020 —esperábanse para comezos de ano—.

Frederick Duguet, director financeiro de Ubisoft, recoñeceu que a compañían precisa «elevar» a calidade dos seus xogos, de aí o atraso colectivo das súas producións. Non todo son malas noticias. A empresa tamén sinalou que ademais dos títulos anunciados, o vindeiro ano tamén verán a luz dous xogos triplo A, aínda sen anunciar, pertencentes á grandes franquías.

Editor

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Artigos relacionados