Actualidade Ubisoft lanza o seu propio battle royale: Ghost Recon Frontline

Ubisoft lanza o seu propio battle royale: Ghost Recon Frontline

Que facía Ubisoft sen un Ghost Recon battle royale? Unha pregunta que xa non poderá ser repetida, xa que a compañía francesa decidiu, por fin, anunciar de xeito oficial o seu propio battle royale dentro desta mítica franquía de acción. Coincidindo co seu vixésimo aniversario, a saga ve nacer este Ghost Recon Frontline, definido como un shooter masivo PvP de acción táctica.

Fiel ao seu propio universo, en Frontline os usuarios poderán escoller entre diferentes clases de soldados, así como ferramentas de apoio e unha interesante liberdade para buscar e propor estratexias coas que gañar as partidas. Detrás deste proxecto áchase Ubisoft Bucares, que leva preto de tres anos dándolle forma.

Por supuesto, poderemos facer equipo con outros xogadores para precorrer a illa de Drakemoor, un mundo aberto que conta con diferentes biomas como altas montañas ou zonas máis desérticas. O clima tamén será un factor a ter en conta, pois variará de xeito sorpresivo.

Como é habitual neste tipo de títulos, os seus creadores prometen a chegada de novo contido de forma progresiva, en forma de tempadas. Non, non hai data de lanzamento, mais xa podes rexistrarte nesta ligazón para acceder á beta pechada en PC para Europa, que comezará o 14 de outubro. O que si podemos confirmar é que chegará a PS4, PS5, PC, Xbox One, Xbox Series X/S, Amazon Luna e Google Stadia.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.