Ubisoft promete reconducir Ghost Recon Breakpoint

Non foron poucas as críticas negativas que Ghost Recon Breakpoint foi recibindo ao longo destes últimos días. Ubisoft non quere que o seu xogo caia en desgraza e promete mellorar o título mediante o traballo duro. Non é a primeira vez que os franceses enfrontan unha situación semellante, polo que aínda hai esperanza para os usuarios que queiran gozar de Breakpoint.
«Desde o lanzamento, o equipo de Ghost Recon Breakpoint escoitou e leu con atención críticas e comentarios e mesmo se reuniu en persoa con xogadores. E ese feedback recolleuse co fin de traballar duro para engadir axustes e mellorar a experiencia dos xogadores», comeza a nota oficial que distribuíu a compañía.
No novo anuncio, os responsábeis do xogo explican que darán prioridade á corrección e mellora do apartado técnico. «Após lanzar a actualización 1.0.2 o 15 de outubro, que liquidaba as cuestións máis urxentes que se podían implementar nese período de tempo, unha nova actualización prevista para mediados de novembro incluirá axustes na implementación dos drons e en cambiar a velocidade de disparo, entre outras melloras. Unha terceira actualización a finais de novembro, engadirá os cambios máis urxentes compartidos pola comunidade», concretan.
A cousa non acabará aquí. Ubisoft tamén quere cumprir o compromiso de lanzar a tempo o contido post lanzamento, así como eventos especiais. O primeiro paso será Proxecto Titán, a primeira Raid, que aterrará en decembro, seguido do evento de Terminator. Máis? Máis. Tamén se revisará a economía do xogo, a IA dos aliados, que volverá a ser agregada; e as decisións sobre o deseño do xogo, que se canalizará para ofrecer un xogo máis radical e inmersivo, ademais de permitir ao xogador adaptar a experiencia ao seu estilo de xogo, son outros puntos que o equipo de desenvolvemento aborda na carta que se pode ler aquí.

Plan de mellora publicado por Ubisof para Ghost Recon Breakpoint.