Un director de Google afirma que os streamers deberían pagar licenzas por retransmitir
E se os creadores de contido pagasen por mostrar os xogos durante os directos? É unha pregunta que Alex Hutchinson puxo sobre a mesa, malia que no seu caso converteuna dende o principio nunha arriscada e polémica opinión. Director creativo nun dos estudos de Stadia, o executivo expón nun fío que igual que ocorre coa música e os vídeos protexidos con copyright, os videoxogos tamén deberían gozar dunha protección similar, polo que o seu uso por parte de terceiros debería beneficiar a estudios e editoras en concepto de dereitos ou licenzas.
A cuestión provocou un aluvión de respostas e críticas sobre Hutchinson. A mesma Google distanciouse da polémica, lembrando que a opinión do seu empregado é iso mesmo: a súa opinión persoal. A continuación tes as mensaxes orixinais:
The real truth is the streamers should be paying the developers and publishers of the games they stream. They should be buying a license like any real business and paying for the content they use.
— Alex Hutchinson (@BangBangClick) October 22, 2020
«A realidade é que os streamers deberían estar a pagarlles ás editoras e desenvolvedoras dos xogos que retransmiten. Deberían ter de comprar unha licenza, como calquera negocio real, e pagar polo contido que utilizan», comenta no segundo chío, o que máis polémica xerou, con máis de dezaseis mil respostas.
A maioría de usuarios amosaron a súa disconformodidade con todo o exposto, lembrando que debería ser a plataforma, por exemplo Twitch, a que negociase ese posíbel reparto de beneficios coas editoras ou os estudios. O argumento principal para negarlle calquera tipo de taxa aos creadores de contido parte da base de que estes xa mercaron a obra, que simplemente retransmiten namentres xogan con ela —a diferenza dunha película, o videoxogo ten un factor de interacción lúdica moi evidente— e que é ben sabida e recoñecida o labor publicitario que realizan. Sería Among Us o éxito que é sen estes creadores? A resposta máis probábel é non.
Algúns usuarios si se puxeron do lado de Hutchinson, polo menos en parte, comentando que se trata dun debate interesante no que habería que analizar diversos factores. A comparación coa SGAE e os bares ou discotecas non tardou en chegar, facendo un símil entre ambos. Se un negocio utiliza unha música allea para atraer xente, non fai algo similar un streamer co seu directo ao emitir un xogo? As críticas a este argumento recaen na disparidade da comparación, o contexto económico que se deriva de cada caso e a realidade máis que probada na que os estudios sacan un beneficio promocional máis que claro destas retransmisións.