Actualidade Un erro en Anthem fai de trampolín cara a última misión

Un erro en Anthem fai de trampolín cara a última misión

Ao longo da nosa vida como xogadores, atopámonos con bugs, glitches e erros de todo tipo. Algúns máis graciosos, outros sen sentido. Tamén os hai que poden rematar nunha absoluta tolemia. Anthem, o novo título de BioWare, presenta un bug do máis curioso, pero moi molesto, xa que envía aos xogadores con baixo nivel á última misión do xogo. O dito, unha tolemia.

Atoparse co desafío definitivo con pouco máis que unha pistola na man non é unha experiencia agradábel.

A comentada situación prodúcese cando estamos na pantalla de selección de misión con partida rápida, que realiza a función de formar grupos de xogadores cun nivel similar. A pesar disto, un “bug salvaxe” pode aparecer e ignorar este requisito, trasladando aos xogadores na cola á última misión.

Comprobouno así o streamer Brandon Larned, que capturou o instante no que un xogador de nivel 3 aparece no medio do enfrontamento final, coa imposibilidade de poder superar o desafío e cos spoilers que acompañan tal incómodo momento, por suposto. Ademais, outros usuarios chegaron a comentar en Reddit que atoparon erros de todo tipo, como problemas á hora de ver o nivel real dos xogadores.

Até o momento, o máis recomendable é evitar a procura de partida rápida, para previr os spoilers. O produtor Ben Irving confirmou que coñece a existencia do bug e por tanto estase a agardar unha solución máis pronto que tarde.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.