Un mando para Dreamcast adaptado ao século XXI

O mundo é un lugar máis pequeno dende que Internet reina na vida de millóns de persoas. A súa existencia posibilitou que as comunidades poidan unirsee dunha maneira máis sinxela e, á vez, poder sacar proxectos moi concretos adiante. Se algo demostra o financiamento colectivo é que, aínda que sorprenda, todo pode ter o seu mercado. Un dos últimos proxectos que triunfou en Kickstarter foi o de crear un novo mando para a Dreamcast, a última consola de SEGA.
A campaña contou con máis de 1.020 patrocinadores, chegando a sumar case 64.000 euros a través das contribucións que foron chegando. Só eran necesarios 11.500 euros para a súa aprobación. A idea partiu de Retro Fighters,, e conseguiron o seu obxectivo en apenas 24 días. Trátase dunha pequena empresa de accesorios de videoxogos situada en Torrance, California. O obxectivo non era outro que dotar á vella máquina xaponesa dun mellor mando, pero mantendo a súa esencia orixinal e a total compatibilidade con todos os títulos, así como cos accesorios propios da consola, como as Visual Memory Units.
O mando de Retro Fighters engade novos botóns nos laterais, unha cruceta mellorada e un cable que sae dende a parte superior no canto da inferior, un detalle que mellora con fartura a comodidade. En principio, os que apostasen por este proxecto en Kickstarter recibirán o mando a partires do próximo mes de setembro. Nunca é tarde se o proxecto é bo.

Imaxe do prototipo proposto polo fabricante.