Actualidade Un medio portugués foi o responsábel das filtracións de Pokémon Espada e Escudo

Un medio portugués foi o responsábel das filtracións de Pokémon Espada e Escudo

The Pokémon Company cumpriu a súa palabra e non parou de buscar até dar cos responsábeis da filtración de imaxes de Pokémon Espada e Escudo. Lembras aquel asunto? Pouco antes do lanzamento oficial saíron á luz diversas fotografías sobre o xogo que circularon á velocidade da luz por Internet. Nintendo e The Pokémon Company aseguraron que se trataba dunha acción moi reprobábel e que castigarían os involucrados.

A investigación das compañías xaponesas rematou, achegando un culpábel, sendo este un medio portugués, FNintendo. A través dun comunicado serio e cristalino, Nintendo realiza un escarmento público. «Estes Pokémon foron filtrados por un analista da web portuguesa FNintendo, que recibira unha copia do xogo antes de tempo para a súa análise. Nin el nin FNintendo souberon manexar material confidencial, resultando nunha clara violación do acordo de confidencialidade entre Nintendo e o medio. Como resultado, Nintendo non volverá traballar con FNintendo». O anuncio tamén sinala que as filtracións «non só danan a Nintendo, senón aos miles de empregados que traballan duro para levar os xogos ao mercado e aos miles de fans en todo o mundo que agardan con gana novas e sorpresas».

Doutra banda, o medio portugués tamén vén de publicar un comunicado no que acepta e confirma a súa culpabilidade na filtración. A copia para a análise do xogo fora enviada a un colaborador que partillou as famosas fotografías. O medio romperá lazos con este traballador, pero o castigo de Nintendo, após once anos de colaboración, non será eludido. «Respeitamos plenamente a decisão da Nintendo de cancelar o contrato de confidencialidade entre as nossas empresas em resultado dessa quebra de confiança e aceitamos que não receberemos mais produtos da Nintendo nem seremos convidados a participar nos seus eventos», lese na nota pública. «Queremos pedir desculpas à Nintendo e à The Pokémon Company, bem como aos nossos leitores, por dececioná-los».

Pokémon Espada e Escudo converteuse nun éxito desde o seu lanzamento, alén das críticas iniciais por diversos motivos, que ían desde a limitación da Pokédex a unha serie de animacións pouco traballadas, segundo público e crítica. En xaneiro, xuntando as copias das dúas versións, xa foran despachadas máis de 16 millóns de unidades.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.