Actualidade Un neoiorquino ofrece 50 dólares a quen lle pase o xefe final de Sekiro: Shadows Die Twice

Un neoiorquino ofrece 50 dólares a quen lle pase o xefe final de Sekiro: Shadows Die Twice

A análise de Sekiro: Shadows Die Twice está aínda en proceso nas oficinas de Morcego. Unha semana despois da súa estrea un servidor acumula unhas 35 horas de xogo e pode confirmar a súa elevada dificultade. Tamén a enorme diversión e satisfacción que ofrece a última obra de Miyazaki.

A dificultade e complexidade que loce o novo título de From Software é xa case un asunto viral na Rede. A desesperación está á orde do día nalgúns momentos, sobre todo á hora de enfrontar xefes finais, por iso non é de estrañar que existan xogadores que decidan tomar medidas desesperadas.

Un neoiorquino publicou recentemente un anuncio no que reclama os servizos dalgún xogador coa pericia suficiente para acabar co xefe final de Sekiro. Está disposto a pagar ao seu colaborador 50 dólares. Unha recompensa que non está nada mal e na que tamén figuras unhas cantas bebidas pola cara.

É probable que só sexa un anuncio buscando a risa fácil e que quere lembrar ao mundo que Sekiro pode sacar o peor e o mellor daquel que trate de terminalo. Ou non. Alguén sairá en axuda do autor do anuncio? Reddit sempre aporta cousas ben curiosas.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.