Un novo Under Night chega para engadir mais letras ao seu título
A franquía de xogos de loita anime da compañía French Bread, Under Night In-Birth está tendo nestes tempos o seu momento de gloria despois de moitos anos nas tebras dos títulos secundarios da comunidade anime. Grazas a unha comunidade fiel e comprometida coa saga, este ano lograron posicionarse dentro dos títulos principais da competición EVO 2019, que tivo como consecuencia un interese por parte de xogadores que o ignoraban até estas datas. Actualmente, segundo os chíos de Mr.Wiz (organizador do EVO), UNIST estaría no cuarto posto en cantidade de participantes no torneo (é esperable que as cifras cambien bastante ao longo dos próximos meses).
Evo 2019 Reg Scoreboard May Edition!
1st – Super Smash Bros. Ultimate
2nd – Tekken 7
3rd – Street Fighter V
4th – Under Night In Birth
5th – Samurai Shodown
6th – Mortal Kombat 11
7th – Dragonball FighterZ
8th – Soul Calibur 6
9th – Blazblue: Cross Tag Battle#Evo2019— Joey Cuellar (@MrWiz) May 1, 2019
Neste novo título, Under Night In-Birth Exe:Late[cl-r], que se coñeceu a través do comité de clasificación de Taiwan e a reportaxe do portal Gematsu. Esta nova entrega (UNICL?… UNICR?) sairá para PS4 e Switch, polo momento, aínda que non seria de estrañar unha versión para PC un meses despois do lanzamento en consolas (da mesma forma que pasou con UNIST). Agardamos novas nos próximos meses como o anuncio dunha data de lanzamento e a mostra dalgún dos personaxes novos. Persoalmente, agardo que anuncien a Joker e algún personaxe novo invitado de Melty Blood.
A verdade é que esta saga, pese as burlas que profesa polos seu uso gratuíto de palabras inconexas e títulos barrocos, amosa unha pervivencia do 2D no mundo dos xogos de loita. O seu estilo de fantasía nocturna urbana e algo cun sabor xenuinamente xaponés, bastante afín co estilo de Persona 3, que nos lembra a esas obras da revista Faust. Lugar de onde saen os autores que posteriormente adaptarían as súas novelas lixeiras a animes coñecidos como Bakemonogatari (Nishio Ishin), Boogiepop Phantom (Kōhei Kadono) e especialmente as obras de Kinoko Nasu con a saga Fate, Kara no Kyōkai, Tsukihime e o propio Melty Blood (xogo desenvolto pola propia French Bread con personaxes do universo Type-Moon).
Como conclusión, cabe destacar que Under Night In-Birth Exe:Late[st] dispón do mellor tutorial para xente nova aos xogos de loita dentro de todo o repertorio de xogos actuais e, sen dúbida, é unha ferramenta moi accesible para todo aquel que sinta curiosidade polo xénero ou, simplemente, sexa un afeccionado ao estilo visual da saga. Vémonos na próxima Noite Oca.